Medran os internautas a tempo completo e máis a preocupación pola ciberseguridade

venres, 8 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

A AIMC (Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación) presentou onte os resultados da 21 Enquisa a Usuarios de Internet, Navegantes na Rede, un dos estudos máis referenciais, a nivel estatal, sobre o noso comportamento ao abeiro das novas tecnoloxías e as principais tendencias online que afectan a cidadáns, empresas e entidades. Este ano o estudo pon o foco na importancia que están a adquirir as ferramentas dixitais de comunicación nas nosas vidas: a día de hoxe, a metade das internautas recoñece que “non podería vivir sen Internet e sen o móbil”.
Ademais, preto do 45% das persoas enquisadas din estar “conectadas de continuo” e o 80% da poboación emprega as redes sociais acotío. O informe tamén reflicte, respecto do tempo de actividade, que o o 66,3% dos internautas afirma empregar Internet durante dúas ou máis horas ao día.
Respecto dos tipos de dispositivos preferidos, o móbil segue a ser a estrela para accedermos a Internet: o 90,1% conéctase a través del. Séguenlle o portátil (68,7%), o computador de sobremesa (55,9%), a tableta (47,7%) e a televisión (27,1%). Doutra banda, un 33,3% dos que utilizan o móbil para acceder á Rede declaran facelo case constantemente e só un 17,2% dos que se conectan a través deste dispositivo faio cunha frecuencia inferior a “varias veces ao día”.
No estudo, como contrapunto dos anteriores datos, tamén se pon de manifesto unha cada vez maior preocupación dos internautas respecto da ciberseguridade e da presenza nas redes de internautas, comunidades ou entidades que, no canto de mellorar as contornas dixitais, adícanse a convertelas en lugares onde periga a privacidade e a intimidade. Así, o 74,5% dos navegantes móstrase preocupado polo poder das grandes empresas tecnolóxicas e máis do 60% dos enquisados considera que os menores non deberían publicar nas redes sociais. Respecto das novas falsas, arredor do 70% das persoas que participaron na enquisa mostráronse a favor de prohibilas e perseguir legalmente a quen as crea e as difunde.

PUBLICIDADE