Medra o uso de software libre nas empresas galegas

mércores, 14 de setembro do 2011 Redacción

O director xeral de Red.es, Carlos Cano, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o director xerente de CENATIC, Miguel Jaque

Hoxe celebrouse por primeira vez en Galicia (concretamente en Santiago de Compostela) a comisión executiva do Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en Fontes Abertas (CENATIC), tras a incorporación da nosa comunidade ao Padroado de CENATIC, entidade que ten entre os seus obxectivos principais promover o coñecemento e difusión do software libre na Administración e nos diferentes sectores produtivos.
Tras o evento, celebrouse unha rolda de prensa na que interviron Carlos Cano, director xeral de Red.es, Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e Miguel Jaque, director xerente de CENATIC; aproveitando a representante galega para destacar que o software libre xa está presente no 63,6% das PEME galegas (cun crecemento do 30% entre os anos 2008 e 2010) segundo recollen un par de informes elaborados polo OSIMGA.
En virtude dos datos reflectidos nos informes, Mar Pereira asegura que «as empresas galegas xa perciben o software libre como un software que achega solucións aos seus negocios e que este tipo de software xa forma parte da cultura xeral destas sobre as TIC, e que conta cun elevado ritmo de introdución en PEME de todos os sectores». A responsable de Modernización tamén destacou que a Xunta está a fomentar o uso do software libre promovendo distintas iniciativas como o Proxecto ABALAR, as actividades formativas das aulas de CeMIT e do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia.

PUBLICIDADE