Medio centenar de expertos en tecnoloxías intelixentes para os vehículos reúnense estes días en Baiona
venres, 29 de xuño do 2012
Para tomarlle ao pulso á innovación tecnoloxía
a prol do vehículo intelixente non é preciso liscar aos centros de meirande
tradición en I+D automobilística. Temos varios ben preto, en Vigo, en Porriño e
tamén en Baiona, onde se está a desenvolver a sétima edición do Simposio CEA de Control Intelixente,
organizado polo grupo de Robótica da Universidade de Vigo no Parador da histórica
vila pontevedresa, onde
se dan cita case medio centenar de especialistas en tecnoloxías ao servizo dos
vehículos do día de mañá: máis rendíbeis, sustentábeis, ecolóxicos, eficaces e,
sobre todo, intelixentes.
Organizado polo grupo de Robótica e Sistemas
Intelixentes, Grobis, do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática o
simposio “ten como obxectivo servir de
foro de traballo que permita, por unha banda, a posta en común das novas ideas
e proxectos en desenvolvemento e que, ao mesmo tempo, se propicie un clima de colaboración
entre todos os investigadores que traballan neste ámbito”, subliña o
catedrático Rafael Sanz, presidente do comité organizador, ao tempo que explica
que se trata dunha cita que cada ano se celebra nunha universidade ou centro de
investigación nacional.
Entre outras cousas e xa nun terreo máis
concreto, no encontro estanse a expoñer en todo detalle recursos e tecnoloxías
de gran interese para o futuro da automoción, moitas delas directamente
relacionadas coas novas tecnoloxías da información, comunicación e localización,
aplicadas nos sistemas de control intelixente, é o caso dos controladores de
velocidade e de dirección para tecnoloxías de axuda á condución e pilotos automáticos,
ou dos axentes de control de coches autónomos en espazos urbanos.
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e o director da Escola de Enxeñería
Industrial, Juan Pou, asistiron este mércores á inauguración do encontro, que
contou (entre outros especialistas na materia) coa participación de José Manuel
Andújar, director do grupo de Control Intelixente do CEA. O encontro colleu
corpo logo coa presentación de diferentes traballos de investigadores das
universidades de León, Huelva, Politécnica de Madrid e La Laguna, así como do
centro tecnolóxico vasco Tecnalia. Ademais, presentouse tamén a tese de
doutoramento de Joshué Pérez Rastelli, investigador do Instituto Nacional de
Investigación en Informática e Automática, INRIA, de Francia sobre o control de
vehículos autónomos en cidade e autovías. A xuntanza, que remata este venres,
está a servir de acubillo, tamén, para a presentación de traballos e casos de éxito,
entre os que se conta o proxecto Autopía, do Centro de Automática e Robótica do
CSIC e a Politécnica de Madrid, dirixido a facer realidade “o primeiro coche desenvolvido integramente
en España que é quen de circular en estrada sen necesidade de condutor e que
fai poucos días completou unha proba de condución automática duns 100
quilómetros por estradas de Madrid”.
No transcurso do simposio, segundo sinala a
Universidade de Vigo, tamén está prevista a celebración do concurso PRODEL de
Control Intelixente, que consistirá en controlar o movemento dun sistema LEGO
en configuración de péndulo invertido construído a partir de compoñentes
comerciais. “Este sistema”, engádese,
“ten unha configuración física semellante
ao coñecido transporte de dúas rodas Segway e o problema de control consiste en
mantelo estable en vertical en calquera circunstancia”. E explícase: “O obxectivo é achegar os diferentes
paradigmas de control intelixente a investigadores e alumnos dos últimos cursos
mediante a realización de control intelixente sobre un sistema físico real”.