MeLiSA amosará no centro penitenciario da Lama como montar un equipo con software libre

luns, 22 de xuño do 2015 Redacción

Imaxe dunha das actividades formativas impartidas por MeLiSA

A Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA), comeza mañá, 23 de xuño, un novo obradoiro inserido no proxecto Tecnoloxía e software nos centros penitenciarios galegos no centro da Lama. Segundo informa o colectivo de Melide, un total de 12 internos pertencentes ao módulo de respecto serán os destinatarios deste taller, no que se tirará proveito de material informático doado pola devandita plataforma galega de usuarios de programas de código aberto.
Os participantes nesta actividade formativo-divulgativa poderán aprender a montar un ordenador persoal identificando os diferentes compoñentes do mesmo, amais de aprender a detectar as avarías máis comúns e realizar labores de mantemento. A maiores, estarán en disposición de instalar e configurar un sistema operativo GNU/Linux, co propósito de que estes equipos poidan formar parte dunha nova aula de informática no módulo de respecto.
Os voluntarios de Melisa encargados de impartir este obradoiro serán Rafael Rodríguez, Jorge Lama e Salvador Tabarés, os cales xa contan con experiencia neste tipo de talleres nos diferentes centros penitenciarios de Galicia. A actividade forma parte das actividades que a asociación de Melide realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2015 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE