McFarlane Toys venderá figuras dos personaxes de Guitar Hero

venres, 27 de xuño do 2008 Marcus Fernández

A franquicia de Guitar Hero continúa a transcender as pantallas das consolas de videoxogos, e aparte de contar con xoguetes coma o Air Guitar Rocker no mes de novembro contará cunha colección de 4 bonecos de acción de McFarlane Toys, empresa que xa vendía versións en miniatura de moitas estrelas da música rock (KISS, Metallica, Bon Jovi, Mötley Crüe, Slash, Rob Zombie, Alice Cooper e moitos outros), e que agora incorpora ao seu catálogo aos personaxes virtuais do xogo de Activision.
Os primeiros personaxes que se incorporan á nova liña de McFarlane Toys serán o popular Axel Steel (considerado case coma o protagonista do xogo), Johnny Napalm, o maquillado Lars Ümlaut e o Deus do Rock.
As figuras son articuladas (con entre 15 e 18 pezas móbiles) e a súa única parte intercambiable é a guitarra (incluíndo unha distinta cada personaxe). Inclúen unha base co logotipo de Guitar Hero, miden 15,2 centímetros de alto e se venderán a un prezo de entre 10 e 15 dólares nos EE.UU. (aínda que este tipo de produtos tamén se atopan con facilidade en España (en xogueterías e tendas especializadas).

PUBLICIDADE