Material informático e ordenadores portátiles para os nosos cineastas máis solidarios

mércores, 17 de xuño do 2009 Raquel Noya

O Museo Pedagóxico de Galicia vén de dar acollida, hoxe mesmo, á entrega de premios do I Concurso de Curtametraxes para Escolares relacionado coa Doazón e os Transplantes no que participaron once centros de toda a Comunidade con alumnado de bacharelato e ciclos formativos.
Os premios foron entregados pola directora de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Nieves Domínguez González; polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; José Luis Mira Lema; e polo director da Oficina de Coordinación de Transplantes (OCT) do Sergas, Jacinto Sánchez Ibáñez.
O concurso, que tiña como finalidade sensibilizar aos alumnos e alumnas galegos no relativo aos transplantes e a doazón de órganos, forma parte dunha campaña en torno ás doazóns e complétase con charlas nos centros educativos así como con material didáctico para aqueles que o soliciten.
O primeiro premio foi para a obra Ti Transplantas, da que son autores, Simón Vázquez López, Iago Iglesias Cebreiros, Sara Páez Prieto e Sandra Dacal Pérez, do IES As Lagoas de Ourense, baixo a dirección da profesora Hortensia Alonso. O galardón consiste nun vale para o centro docente por valor de 1.000 euros para a adquisición de material escolar; outro vale de 1.000 euros para o equipo gañador para a adquisición de material informático, audiovisual ou de lectura; e un ordenador portátil para o profesor ou profesora que tutelou o traballo presentado.
O segundo premio foi para a obra Quen somos nós para negar unha vida?, de Raquel Pardo Rodríguez do IES Politécnico de Lugo, baixo a dirección da profesora Carmen García. Este premio supón un vale para o centro docente por valor de 750 euros para a adquisición de material escolar; e un vale para a persoa ou equipo gañador, tamén de 750 euros, para a compra de material informático, audiovisual, deportivo ou material de lectura. Tamén supón un ordenador portátil para o profesor ou profesora encargada de tutelar o traballo.

PUBLICIDADE