Mar Castro formou en comunicación dixital a 23 emprendedores da contorna lucense

xoves, 20 de agosto do 2020 S. P.

O curso online de comunicación dixital organizado polo Concello e impartido pola formadora lucense Mar Castro, experta en TIC, contou finalmente coa participación de 23 emprendedores. O Goberno de Lara Méndez puxo en marcha esta iniciativa, en colaboración con AJE Lugo, co obxectivo de ofrecer “formación especializada e de balde”, nun ámbito, o das ventas e a comunicación online, que se atopa en auxe debido á crise sanitaria. Asistiron ás sesións emprendedores/as e empresarios/as en diferentes áreas: tradución e interpretación, arte visual, deseño gráfico, formación ou hostalería, entre outros eidos.
O curso, que finalizou este mércores, estivo impartido pola lucense Mar Castro, doutora en Comunicación, profesora universitaria e asesora empresarial. Incluíu cinco sesións de vídeo-conferencia, de 90 minutos, e unha sesión de asesoría individual de 60 minutos. Ademais, todos os participantes recibirán o Manual de Comunicación Profesional Dixital Post COVID-19, elaborado pola autora, en base aos seus coñecementos, experiencia e outras publicacións.
O programa incluíu 5 bloques temáticos a través dos que se profundou en cuestións como a comunicación asertiva, a comunicación oral, a comunicación non verbal, a comunicación escrita e a comunicación corporativa. A través deste curso os participantes puideron mellorar as súas habilidades comunicativas, contribuíndo a unha mellor visualización da súa marca.

PUBLICIDADE