Mancomún estréase no meirande encontro europeo de programadores de software libre

martes, 10 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

O Centro Mancomún segue a defender a cooperación e o intercambio de coñecemento como pulo e materia prima do software libre. Nesta liña é onde se insire precisamente a súa participación no encontro europeo de programación aberta celebrado a pasada fin de semana co obxectivo de afianzar os fíos que unen (xa de por si firmes) aos membros da comunidade internacional de usuarios e programadores do open source. A xuntanza Fosdem 2009, que contou coa presenza de Xesús Manuel Benítez Baleato (coordinador de Mancomún) e dunha representación da empresa galega Igalia, celebrouse este ano en Bruxelas, Bélxica, os días 7 e 8 de febreiro. A concorrencia no encontro de Mancomún, segundo informa o propio centro na súa web a primeira dunha serie que se prevé longa, consistiu en liñas xerais nun achegamento á dinámica interna do Fosdem coa finalidade de preparar unha participación máis fonda en vindeiras edicións: a idea básica do Centro galego non é só actuar no seu nome, senón animar a toda a comunidade galega de software libre a tomar parte activa do salón europeo. En certa maneira, o que se vai procurar é seguir o ronsel de eventos previos de colaboración en encontros: Xuventude Galiza Net, Congreso Internacional de Software Libre, etc.
Isto polo que respecta á actividade máis xenérica. No que se refire ao máis específico da participación de Mancomún, dicir que o Centro galego tivo un papel activo nos relatorios e nas mesas redondas, intercambiando coñecemento e puntos de vista arredor de Mozilla, Oo.org, Debian ou Gnome. Asemade, a representación galega aproveitou a oportunidade achegada para afondar no proceso de desenvolvemento do Seamonkey ou mesmo nas achegas da comunidade Debian, cuestión esta na que o Centro galego amosou especial interese, principalmente por mor da vindeira liberación da versión 5 da distribución do mesmo nome e dada a situación da localización ao galego desta achega.
A maiores, e segundo engade o equipo de Mancomún, unha das intervencións máis salientables no que atinxe ás implicacións para o caso galego foi a ligada ao i18n. Entre outras cousas, o relatorio en cuestión serviu para botar luz sobre unha cuestión que nos toca de preto: as eivas no proceso de internacionalización de Debian. Foi Nicolas François, membro do equipo francés de localización, o que encadeou o debate sobre este tema achegando casos concretos de atrancos na internacionalización do devandito programa, facendo fincapé en exemplos como o noruegués, semellante ao galego, para os que de xeito xenérico se propoñen como mellora a configuración de equipos de localización con capacidade de respaldo.
Para Xesús Baleato e o Centro Mancomún que coordina, “o resultado desta reunión non puído ser máis positivo, pois, á súa saída, membros do grupo vasco LibreZale actuaron como intermediarios ante a organización translate.org.za, ONG que actualmente mantén o Translation Toolkit e que amosou unha demo da nova versión moi mellorada de Pootle, xunto con Virtaal,un novo cliente desconectado que potencialmente podería satisfacer as necesidades expresadas nos consenso do g11n”.

PUBLICIDADE