Mancomún dá conta na Conferencia OSWC de Málaga do medre do software libre en Galiza

mércores, 22 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Imaxe do Palacio de Congresos de Málaga, sede do eventoO centro Mancomún está arestora en Málaga participando arreo na Conferencia Internacional OSWC 2008, tanto no fondo como na súa feitura. Ou sexa: achegando contidos e, tamén, permitíndonos velos e escoitalos, en tempo real na súa web. Amais disto, Mancomún acode como coordinador da embaixada galega ao completo, integrada por membros da nosa comunidade de usuarios e deseñadores de open source (Agasol, os GGUL, Roberto Brenlla, Claudio F. Filho) A achega do ente galego, que comezou de xeito activo dende antes da data de apertura do encontro (luns 21), materialízase tamén a través das intervencións de Xesús Baleato, coordinador do dito centro, que está a tirar partido da xuntanza para dar a coñecer (e tamén para enriquecer) o proxecto que dirixe e, en xeral, a aposta da Consellería de Innovación a prol da programación aberta.
Precisamente, unha das achegas informativas de Baleato ao longo destas xornadas (sinalar que a Conferencia remata onte mesmo) tivo que ver co uso que se lle está a dar ao software libre no ámbito empresarial galego, dato para o que fixo referencia ao estudo do Instituto Nacional de Estatística (INE) que sitúa a Galiza por diante do Estado na adopción de programas de código aberto no eido corporativo.
Para Baleato, que subministrou esta información onte mesmo no transcurso do seu relatorio, tivo moito que ver neste éxito a posta en marcha de campañas dirixidas a levar ferramentas informáticas libres e abertas ás empresas, das que o DVD para a PEME foi un dos seus principais instrumentos. O coordinador de Mancomún salientou que o 8,2% das pequenas e medianas empresas galegas (empresas de máis de 10 empregadas/os) usan xa o sistema operativo Linux, fronte ao 7,8% da media estatal, tal e como se reflicte no dito estudo do INE.
Estes números, dos que informan polo miúdo estes días medios galegos como A Nosa Terra, fortalécense con outra taxa que pon de novo ao software libre galego en situación de vantaxe: en Galiza son un 14% máis as empresas que fan uso de Linux este ano ca no período anterior. Para Baleato, estas e outras estatísticas recoñecen con moito o labor de promoción da informática aberta levada a cabo pola Consellería de Innovación, e máis polo miúdo o departamento que dirixe Helena Veiguela: a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.

PUBLICIDADE