Mancomún convoca ós internautas galegos para contribuír á tradución da nova versión do OpenOffice

mércores, 11 de outubro do 2006

Mancomun.org, no seu labor de propiciar a actualización continua de OpenOffice, pretende implicar á meirande cantidade de xente posible colaborando na tradución deste programa ofimático de software libre ó galego. Para iso, a dita comunidade en liña pon a disposición dos posibles voluntarios as cadeas que aínda quedan por traducir, co fin de que coa axuda de tódolos implicados saia canto antes a nova versión do OpenOffice. Estas cadeas están divididas en dous ficheiros, un deles contén tódalas cadeas da interface do programa sen traducir, unhas 320 palabras entre menús, diálogos... mentres que o outro contén as da axuda do programa, que son uns 1.909 termos igualmente sen traducir.
Os interesados en colaborar na tradución da nova versión do programa han de rexistrarse como usuarios na ligazón anterior, cubrindo toda a información que se lles pide no formulario, como o perfil do usuario e outros datos de utilidade para os encargados de elixir a tradución máis axeitada a cada cadea.
A fin de manter a coherencia na tradución entre as distintas versións, dende Mancomun.org recomendan empregar o corpus lingüístico que se usou para os anteriores traballos, deste xeito e grazas á axuda de todos, a nova versión do OpenOffice será un exquisito froito da árbore do traballo en equipo.

PUBLICIDADE