Málaga terá WiFi para o 80% do espazo urbano antes de que remate 2007

mércores, 21 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Nisto da tecnoloxía, xógase moito a chegar o primeiro á meta e poñer os dedos en xesto de vitoria, pero logo resulta que xa hai outros corredores que xa chegaron antes pero fixeron menos ruído. Pasa cos móbiles, pasa cos gadgets en xeral, pasa cos computadores e pasa cos accesos á Rede: cada pouco tempo, aparece nalgún medio unha entrevista que comeza cos estes termos: “Fomos os primeiros”. Toda esta introdución non vén a conto para que asumamos como mentiras tódalas novas que comecen dese xeito, pero si para lembrármonos que cómpre non tomar ó pe da letra todo o que se nos di. Un exemplo disto é o que se está a contar estes días de Málaga sobre que vai ser a primeira cidade WiFi do mundo (aquí e acolá), proceso que vai ser posible grazas ó reparto de 2.000 routers de Fon para cubrir o 80% da cidade. A nova é ben interesante, pero cómpre ter en conta que o WiFi non naceu onte, e que o que poña a man no lume para dicir que Málaga é a primeira pódese ir cunha boa quentura para a casa.
Sexa como sexa, non hai que quitarlle méritos á iniciativa do Concello de Málaga e da empresa Fon, que vai repartir de balde dous milleiros de routers co fin de converter practicamente tódolos currunchos da cidade andaluza en puntos de conexión. Así o anunciaron estes días (no segundo Encontro do Club Málaga Vallley E-27) o alcalde de Málaga e máis Martín Varsavsky, presidente de Fon España, para quen está claro que é un gran mérito que a cidade española se adiantase nesta estratexia a capitais como Londres ou París, coas que xa está planeando proxectos semellantes. A previsión incluída no proxecto de Málaga é a de chegar antes de medio ano ó 80% do total do espazo urbano, distribuíndo –amais dos routers devanditos entre os habitantes de xeito que cubran a meirande cantidade de superficie- equipos informáticos en espazos públicos e antenas que contribúan a mellorar as condicións de acceso e de navegabilidade. O investimento deste proxecto é de 200.000 euros, e podería dar servizo a medio millón de habitantes.

PUBLICIDADE