Máis de 800 alumnos galegos participaron nas xornadas científico-tecnolóxicas, EficienTIC

venres, 17 de febreiro do 2012 Raquel Noya

O equipo responsable do ciclo de xornadas EficienTIC, unha serie de obradoiros celebrados nos últimos dous meses co obxectivo de concienciar aos alumnos e alumnas galegas sobre o uso eficiente da tecnoloxía, deron por concluído onte o seu ciclo de actividades experimentais, coa satisfacción de ter levado a súa mensaxe ecolóxica a preto de 1000 estudantes galegos.
Na xornada de onte foron 100 os estudantes procedentes de dous centros de Vigo os que acudiron ás instalacións do edificio CITEXVI, onde probaron de primeira man a experiencia de utilizar a tecnoloxía ao tempo que coidaban e respectaban o medio ambiente.
Estes estudantes, ao igual que os que asistiron ás sete xornadas anteriores, puideron comprobar como co illamento adecuado nunha vivenda se evitan perdas de enerxía innecesarias; como poden aforrar con un correcto uso do seu ordenador; comprobaron cos seus propios ollos a evolución que sufriron os teléfonos móbiles; viron como funciona unha pila de hidróxeno; aprenderon a acender unha radio aproveitando o calor que desprende unha candea e mesmo viron como se pode aplicar o recoñecemento facial á eficiencia enerxética.
Porén de novo, o que máis éxito tivo entre o alumnado foi o Scalextric movido a pedais, co que puideron competir entre si e comprobar cal deles estaba máis en forma.
Os técnicos das xornadas, de cara a facer máis visibles os efectos e os procesos que ían explicando, empregaron diferentes recursos de seu, explicando en todo momento os métodos e as aplicacións creadas en Gradiant que servían de exemplo.
Desta maneira, para mostrar o seu sistema de recoñecemento biométrico, enfocaron unha parede que imitaba unha vivenda cunha cámara termográfica ou permitiron que os alumnos se enfocaran a si mesmos para comprobar como a roupa presentaba unha temperatura moi inferior á súa pel.
Tamén puideron observar un sistema de hidróxeno a pequena escala, que funcionaba grazas á luz dunha lámpada; esta xeraba enerxía en pequenos paneis fotovoltaicos que permitían obter a electricidade necesaria para a xeración de hidróxeno a partir de auga, hidróxeno que movía á súa vez un ventilador.
Unha charla introdutoria ás actividades, unha exposición de móbiles en desuso, unha visita ao edificio CITEXVI e unha charla sobre o uso eficiente do seu ordenador persoal, entre outras cousas, foron as outras actividades que completaron as 8 visitas de alumnos e alumnas galegas a estes centros tecnolóxicos do país.
Asemade, os participantes tiveron ocasión de preguntar todo aquilo que lles xerase dúbidas en torno ás novas tecnoloxías, e foron os investigadores de Gradiant e Energylab os que, por uns días, tiveron que cambiar o seu vocabulario técnico por explicacións doadas da ciencia coas que conseguir que os rapaces e rapazas os entenderan.
Os estudantes que puideron gozar destas xornadas proviñan de 15 centros diferentes: IES Primeiro de marzo (Baiona), IES Carlos Casares (Vigo), CPR Divino Maestro (Ourense), IES A Guía (Vigo), IES Francisco Sánchez (Tui), IES San Tomé de Freixeiro (Vigo), IES María Casares (Oleiros), IES María Soliño (Cangas), IES Pontecaldelas (Pontecaldelas), IES Alexandre Bóveda (Vigo), IES República do Uruguai (Vigo), IES San Paio (Tui), Apóstolo Santiago (Vigo), IES Valadares (Vigo), Colexio Quiñones de León (Vigo)

PUBLICIDADE