Máis de 120.000 profesionais do SERGAS xa poden facer uso do seu Expediente-e na Rede

luns, 28 de maio do 2012 Raquel Noya

A directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Esperanza Fernández Lago, na presentación desta plataforma

A directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Esperanza Fernández Lago, presentou recentemente en Compostela a plataforma que permitiu a dixitalización do expediente de máis de 120.000 profesionais do SERGAS, posta en marcha en xullo do pasado ano no CHUS.
Esta aplicación, que favorece a transparencia e axiliza os trámites das persoas usuarias, permítelle a todo o persoal dispoñer dun currículo electrónico, centralizando e unificando os seus méritos, tanto a través de Internet como da propia intranet do SERGAS. Segundo informou a directora de Recursos Humanos na presentación da ferramenta, “o proxecto do expediente profesional é unha aposta pola profesionalización do sistema” e salientou que “o SERGAS é un referente nacional na aplicación das TIC no ámbito sanitario polo que queriamos aproveitar esta vantaxe competitiva e aplicala tamén no ámbito dos recursos humanos”.
Fernández Lago tamén destacou que “o que trae consigo esta ferramenta é que a administración e os profesionais interactúen con transparencia e axilidade”, xa que os profesionais poden acceder ao seu expediente en calquera momento e dende calquera lugar, comprobando en tempo real o estado no que se atopan os seus méritos e podendo actualizalos segundo vaian adquirindo máis.
O Expedient-e é unha maneira de xestionar o currículo de forma sinxela e intuitiva, que permite acurtar prazos de xestión en ofertas públicas de emprego, listaxes de contratación temporal, promoción laboral ou procesos de mobilidade.
O expediente está visible no espazo da Oficina Virtual do Empregado (FIDES) na páxina web da Consellería de Sanidade e permítelle aos profesionais rexistrados consultar os datos que constan no seu currículo electrónico e actualizalo mediante a incorporación de novos méritos, sempre e cando estean debidamente acreditados.

PUBLICIDADE