Máis de 100 proxectos inscribíronse no concurso de marketing en medios sociais do MexilOnseTuits

mércores, 23 de maio do 2012 Marcus Fernández

O boneco Stabri</A> é o encargado da comunicación en redes sociais do MexilOnseTuits

O vindeiro venres remata o prazo para inscribirse nos primeiros Premios Galegos do Marketing en Medios Sociais repartidos en 10 categorías e dos que se dará conta dos gañadores durante a celebración do Festival Social Media de Galicia MexilOnseTuits, evento que celebrarase o vindeiro 9 de xuño en Bueu. Ao superarse xa o cento de proxectos inscritos neste concurso, un dos patrocinadores do evento, FECIMO, decidiu subvencionar a entrada para o público, que pasará de 30 a 20 euros, aínda que dende a organización do evento tamén tiveron a ben ceder 6 entradas para o lectores de Código Cero, que sortearemos a través da nosa páxina de Facebook durante os vindeiros días.
Para estes premios constituíuse un xurado moi heteroxéneo, composto por persoas de distintos ámbitos, entre os que figuran expertos do ámbito do social media como Juan Merodio; o director de social Media de Elogia, Rubén Bastón; o consultor Fidel Martín; o profesor e blogueiro Manuel Gago; e outros ata sumar un total de 16 membros.
O Festival MexilOnseTuits distribuirá as súas actividades seguindo un programa que aínda está suxeito a cambios dada a cantidade de solicitudes de colaboración que están a recibir, e que polo momento está repartido do seguinte xeito:
- 10:00 - Apertura de portas e recepción de aistentes
- 10:30 - Inauguración do Festival por parte da Organización
- 11:00 - Presentación dos finalistas nas diferentes categorías e nomeamento dos gañadores
- 12:00 - Descanso
- 12:30 - Continúase coa presentación de finalistas e nomeamento de gañadores nas categorías restantes
- 13:30 - Mesa redonda sobre o panorama galego do Social Media
- 14:30 - Comida degustación de produtos típicos galegos
- 17:00 - Visitas guiadas ao Museo Massó, e saída en embarcacións tradicionais con Os Galos
- 19:00 - Foliada
- 20:00 - Concerto e fin do festival

PUBLICIDADE