MSI presenta a súa consola portátil

luns, 8 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

O mercado de consolas portátiles baseadas en ordenadores persoais non deixa de medrar, e parece estar a interesar a marcas relativamente grandes, como é o caso de MSI, que aproveitou a celebración do CES en Las Vegas para dar a coñecer a primeira consola portátil que funciona cun procesador Intel Core Ultra: Claw.
Este novo dispositivo tamén está equipado con gráficos ARC con até 8 núcleos Xe e tecnoloxía XeSS avanzada, conseguindo así correr xogos de primeira liña a 1080p, grazas tamén ao seu sistema de refrixeración HyperFlow e á súa xenerosa batería de 53 Wh (que achega 2 horas de autonomía a pleno rendemento). Tamén inclúe soporte de codificadores de vídeo avanzados como AV1, H.265 e VP9 e incluso pode presumir de conectividade Thunderbolt 4.
A MSI Claw pode equiparse con até un procesador Intel Core Ultra 7 e 16 GB de RAM LPDDR5, emprega de almacenamento unha unidade NVMe M.2 de até 1 TB, ten unha pantalla Full HD de 7 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, integra 2 altofalantes de 2 watts (e conector para auriculares), inclúe lector para tarxetas microSD, ten conectividade Wi-Fi 7 e Bluetooth 5.4 e mantén o seu peso nuns contidos 675 gramos. En definitiva, un produto sobradamente superior á Steam Deck de Valve, aínda que cun prezo algo maior (o modelo superior chegaría aos 799 dólares).

PUBLICIDADE