Luis Tosar interpretará a George Washington en Assassin’s Creed III

mércores, 10 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Nos últimos días Ubisoft fixo pública a participación do actor galego Luís Tosar na dobraxe ao español do xogo Assassin’s Creed III, no que pon voz a George Washington, personaxe histórico que terá unha presenza notable no xogo que está ambientado na Revolución estadounidense de finais do século XVIII, afastándose moito das anteriores entregas situadas na Terceira Cruzada (século XII) e no Renacemento Italiano (século XVI) ao cruzar o Atlántico para continuar co enfrontamento entre Asasinos e Templarios, eixe central da trama.
Na presentación do videoxogo en Madrid o actor galego recoñecer ser “alleo ao mundo dos videoxogos”, engadindo que “dobrar un videoxogo é algo moi diferente a canto tiña feito antes (cuñas radiofónicas, producións documentais ou animación), tan só contas con patróns sonoros aos que adaptar a túa voz. Non queda máis que confiar en ter moldeado convenientemente a un personaxe do que apenas verás nada ata a última etapa do proceso”.
O novo xogo chegará oficialmente as tendas españolas o vindeiro día 31 nas súas versións para PC, Xbox 360 e PlayStation3, tendo que agardar un mes máis para estrearse na Wii U (consola aínda non dispoñible no mercado). O título poderá adquirirse en distintas edicións: a Edición Especial incluirá unha misión individual adicional titulada Un secreto peligroso; a Edición Join or Die (non dispoñible para PS3) complementa o xogo cun medallón dos Assassins, un caderno de notas de George Washington e contidos descargables adicionais; e a Freedom Edition (non dispoñible para Wii U) incluirá unha caixa metálica, o mencionado caderno de notas de George Washington, 2 litografías exclusivas, contidos adicionais descargables e unha figura de 24 centímetros de alto de Connor, o protagonista do xogo, que tamén poderá adquirirse por separado. Os usuarios de PC tamén poderán facerse cunha Deluxe Edition descargable con numeroso contido adicional.

George Washington será un dos personaxes históricos que aparecerán no xogo


Luis Tosar anunciando que porá voz a George Washington na nova entrega de Assassin’s Creed


Trailer coa historia do protagonista de Assassin’s Creed III

PUBLICIDADE