Lingua de Amor premia con portátiles e videoconsolas aos namorados máis orixinais

martes, 28 de abril do 2009 Raquel Noya

Por terceiro ano consecutivo, e en vista do éxito acadado nas edicións anteriores, o Consello da Xuventude de Galicia (CXG), a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración co Concello de Vigo, vén de por en marcha a III edición de Lingua de Amor, o concurso de cancións e declaracións de amor a través do correo electrónico que premia aos “namorados e namoradas” máis orixinais á hora de expresar os seus sentimentos na nosa língua.
Lingua de Amor ten como principal obxectivo dinamizar o uso da lingua galega entre os máis novos e novas en espazos de comunicación tan habituais para eles como son os correos electrónicos, os chats, os foros…
Para participar no concurso, os interesados deberán rexistrarse na páxina web oficial do evento e enviar unha canción (na categoría musical non hai límite de idade) ou unha declaración de amor en galego (categoría A de 14 a 19 anos, e categoría B de 20 a 35 anos).
A data límite para o envío das declaracións é o vindeiro 10 de maio de 2009 e o período de votacións manterase aberto dende o día seguinte ata o 17 de maio, Día das Letras Galegas.
Ademais da satisfacción de ter colaborado nunha iniciativa sen igual para a promoción da nosa lingua, os gañadores de cada categoría recibirán os seguintes premios:

Categoría A:
1.º Un ordenador portátil
2.º Unha videoconsola PlayStation3
3.º Un Ipod
Categoría B:
1.º Un ordenador portátil + unha cea para dúas persoas
2.º Unha videoconsola PlayStation3 + unha cea para dúas persoas
3.º Un Ipod + unha cea para dúas persoas

Asemade, todas as persoas escollidas polo xurado, que estará composto pola presidenta do Consello da Xuventude de Galicia, a concelleira de Igualdade, Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Vigo e as técnicas de normalización lingüística do devandito Concello, entre outras persoas, recibirán cadanseu lote de libros en galego.

PUBLICIDADE