Lineage II Gracia sairá ó mercado o vindeiro 19 de setembro

venres, 1 de agosto do 2008 Raquel Noya

A firma de videoxogos Friendware vén de presentar a última entrega do Lineage II, que sairá ó mercado o vindeiro 19 de setembro con novas características que o fan máis rápido, accesible e divertido que o seu antecesor.
Co lanzamento de Gracia, os creadores deste xogo melloraron moitas das habilidades dos personaxes e incrementaron os obxectos do inventario para facer o Lineage II máis apaixoante para os xogadores.
O sistema de habilidades foi obxecto de moitos cambios para mellor, coa finalidade de que as novas características axuden aos xogadores na batalla, permitíndolles enfrontarse a inimigos moito máis perigosos, axudar máis aos compañeiros nos ataques e facelos subir rapidamente de estatus.
En xeral, as habilidades físicas de curto alcance contan agora con máis poder e un menor coste de maná.
Gracia tamén altera a forma na que os obxectos, como armas e pezas de armadura, se organizan en Lineage II e incorpora uns obxectos chamados Obxectos Normais que son iguais aos que había antes, pero coa diferencia de que non poden ser encantados, mellorados ou aumentados de ningún xeito. Os xogadores poderán compralos na maioría das tendas ou recollelos dos monstruos mortos.
Asemade, a creación de obxectos tamén mellorou xa que agora existe a posibilidade de que o xogador poida crear dous obxectos dun so conxunto de materiais ou que este poida ser equipado, encantado ou cristalizado.
Asemade, Gracia revisou algunhas zonas de caza para que os xogadores poidan sacarlles todo o gran ou entrar nelas cun só xogador (onde antes non se podía) por exemplo: o Monte dos Foraxidos, o Xardín das Bestas e o Posto de Varka Silenos.

PUBLICIDADE