LibreGeoSocial: software libre para etiquetar virtualmente o mundo real

venres, 17 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

O usuario de telefonía móbil que cre que lle tira bo partido ao seu aparello xa non semella tan moderno cando se poñen en marcha iniciativas como a que veñen de presentar investigadores da Universidade Rei Juan Carlos: un software libre de nome LibreGeoSocial (LGS) que permite empregar o terminal coma se da lupa de Sherlock Holmes se tratase. Máis polo miúdo, e segundo conta a propia institución académica, trátase dun programa desenvolvido pola os teléfonos con Android (o sistema operativo de Google) que permite xestionar contidos xeorreferenciados multimedia ou, o que é o mesmo, diluír a fronteira entre o virtual e o real. Ou sexa, que se somos usuarios dunha rede social dixital, en liña, estaremos en posición de amorear datos de todo tipo ligados a un espazo físico concreto. Para que se entenda: poderemos pegarlle unha etiqueta virtual a un obxecto real co fin de deixala alí e que outras persoas poidan ler esa etiqueta coa axuda do seu móbil.
Isto que parece moi enleado, simplifícase se botamos man dun exemplo concreto. Para ir preparando o terreo, deixemos que Pedro de las Heras, membro do grupo de investigación responsable do proxecto, dea conta do seu alcance: “Trátase dunha experiencia moito máis rica cá dunha rede social tradicional, do tipo Facebook, porque os sensores de medición do campo magnético dos novos móbiles permiten saber non só onde está o móbil senón ademais cara a onde está orientado”. E prosegue: “Os módulos de realidade aumentada e xeorreferenciación de LibreGeoSocial permítenlles aos usuarios das redes sociais que estean na rúa interaccionar co mundo virtual e tamén co virtual”.
Vaiamos agora cun exemplo: os turistas que non dean feito coa comprensión dun cadro nunha galería poderán obter axuda extra dunha etiqueta virtual deixada alí por un visitante previo. Isto será posible cun único movemento, o do móbil apuntando á obra de arte para que, a continuación, se encha a pantalla de comentarios ou imaxes que outro turista anterior deixado alí vinculados. Outro exemplo: a ferramenta en cuestión tamén pode valer para a mellora da seguridade viaria. Así, se unha persoa que leva un móbil co programa instalado no seu seo e ve un muro ou un balcón con risco de virse abaixo, sempre pode xerar unha incidencia que fica ligada a ese emprazamento. Consecuencia: tanto os servizos de mantemento (que poden recibir de xeito automático unha alerta) como os restantes viandantes (aos que tamén se lles enviará un aviso cando pasen polo radio de acción da etiqueta) estarán ao tanto do problema.
LibreGeoSocial, informan os seus responsables, componse dun servidor e unha aplicación cliente para o móbil. O servidor está integrado na linguaxe de programación Python. A aplicación para o cliente está programada en Jova. Asemade, todo o código fonte do servidor e do cliente é software libre. Sinalar que a ferramenta quere aproveitar o tirón dos smartphones, móbiles cada vez máis presentes entre os usuarios e con capacidade para tirar partido de programas como o devandito (inclúen cámaras, receptor GPS, acelerómetro e receptores de campo magnético). Podemos ver vídeos sobre as funcionalidades do software nesta ligazón. O grupo responsable do seu desenvolvemento é o GSyC/LibreSoft.

PUBLICIDADE