LibreCon 2014 converterá Euskadi no centro neurálxico do software libre internacional

mércores, 5 de novembro do 2014 Redacción

Entre o 11 e o 12 de novembro, en Bilbao, celebrarase o que case con toda probabilidade é o meirande evento de tecnoloxías abertas do eido estatal, LibreCon, e un dos máis importantes do mundo dentro do seu ámbito. A edición 2014 vén da man da federación española ASOLIF e a plataforma éuscara ESLE e conta co apoio de empresas do sector TIC como Red Hat, Alfresco, Irontec, Euskatel, Lanbide, Zimbra e Finodex, ás que cómpre engadir o apoio do Goberno Vasco, a Deputación de Biscaia, a Deputación de Guipúscoa, o Concello de Bilbao ou CENATIC. Segundo fan saber os organizadores, “a presente edición converterase nunha oportunidade única para achegarse ás tecnoloxías abertas de maneira directa”.
A cita será no Palacio Euskalduna e artellarase en base a conferencias, casos de éxito, demostracións, charlas e obradoiros, coas últimas tendencias do sector das tecnoloxías abertas como pano de fondo e como contido en si mesmo.
Segundo engaden ASOLIF e ESLE, o carácter internacional de LibreCon fica patente este ano coa participación de administracións como o Concello de Múnic, co seu proxecto LiMux, que axudou á cidade alemá a aforrar 11 millóns de euros; ou a Xendarmería francesa, coa migración de solucións de computación e ofimática libres máis grande da historia. A presenza de Jim Whitehurst, CEO de Red Hat, confirmada nas últimas horas, tamén é digna de subliñarse e certifica esta vontade transfronteiriza e universal de LibreCon. Por certo que na cita tamén participarán organizacións como Amnistía Internacional España, con preto de 65.000 membros e 1.800 activistas, que amosará en detalle como mellorou a súa xestión coa plataforma CiviCRM. Amais disto, concorrerán empresas como Atrapalo.com, “un dos maiores comercios electrónicos do sector turístico e lecer, que presentará como as tecnoloxías abertas son claves en determinadas áreas do negocio”, explica a organización, que engade que tamén se contará con startups como como CartoDB, que contarán “como converteron o seu modelo baseado en software libre nunha empresa de éxito capaz de captar o interese de investidores e clientes”.

PUBLICIDADE