Liberado o código fonte de Praza Pública

xoves, 9 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Praza Pública, o novo medio galego e dixital, de cuxa posta en marcha falamos polo miúdo en Código Cero a semana pasada, vén de facer público o seu código fonte, agora liberado e a disposición dos internautas que queiran tirar partido del. A acción, sinalan fontes do medio, responde a un dos principios básicos que o sosteñen: o de compartir. “Cremos nunha cultura transparente, e cremos que se xera máis beneficio económico e social compartindo software ca creando estruturas propietarias”, sinalan dende o novo medio.
O software empregado por Praza Pública é software libre, tal e como sinalamos. Unha parte del vén da man da empresa A Navalla Suíza e outro veu achegado por empresas e internautas de todo o mundo.”Unha semana despois de botar a andar Praza Pública, temos dispoñible xa unha versión xa suficientemente estable do código informático que constrúe o xornal, para a súa descarga libre (licenza GNU GPL Affero 3)”, engaden. Isto permitiríalle á comunidade internauta, entre outras cousas, coller o código e pór en marcha a súa propia Praza Pública, ou ben tirar partido dos recursos que se achegan para dar resposta a solucións específicas noutras web.

PUBLICIDADE