Level-5 levará ao móbil varios dos seus xogos de consola portátil

martes, 7 de abril do 2015 Marcus Fernández

O popular estudio xaponés Level-5 anunciou hoxe que un par das súas franquías máis populares en consola portátil, Fantasy Life e Professor Layton, van explorar novos territorios a través de videoxogos móbiles con bastantes características diferentes aos títulos principais das súas sagas, para adaptarse así máis aos tipos de xogo propios dos smartphones.
No caso de Layton 7 temos un título moi afastado dos típicos quebracabezas que puidemos ver nas portátiles de Nintendo, e trataríase dun xogo de naipes, mentres que Fantasy Life 2 si tería unha aparencia semellante ao xogo de rol orixinal, pero dándolle unha maior importancia á construción da cidade (fórmula que ten demostrado grande éxito en dispositivos móbiles). Ambos xogos teñen previsto chegar ao mercado xaponés no verán, contando con versións para iOS e Android, mentres que polo momento non se sabe se os veremos en Europa.

Fantasy Life 2 manterá a aparencia da súa versión de consola, pero apostando máis pola construción da cidade

PUBLICIDADE