Lara Croft prepárase para estrear a súa 9ª aparencia

luns, 25 de agosto do 2008 Marcus Fernández

3 das 9 aparencias de Lara Croft nos últimos 12 anos

A protagonista dos xogos de Tomb Raider, Lara Croft, é un personaxe ficticio que foi encarnado no mundo real por unha chea de modelos (da que a última é Alison Carroll) e pola actriz Angelina Jolie, pero no mundo real tampouco é un personaxe estático que dende o seu nacemento en 1996 viviu moitos cambios, e aínda que nos seus 5 primeiros xogos presentaba unha indumentaria fixa, a partir da súa 6º encarnación foi cambiando ata a coidadísima 9ª versión que veremos pronto no xogo Tomb Raider: Underworld.

Mario, Link e Donkey Kong tamén cambiaron de aparencia na súa longa vida

O cambio de estética da heroína do mundo dos videoxogos máis popular responde normalmente a un incremento de detalles grazas á potencia dos equipos nos que se pode empregar o xogo, pois nestes últimos 12 anos mellorou a capacidade de ordenadores e consolas de videoxogos dun xeito considerable, de aí que Lara tamén gañase definición na súa figura, indumentaria e cara, que cada vez é máis realista, aínda que cun deseño que foxe dunha aparencia totalmente humana (parecendo máis un personaxe de animación).
Pero a protagonista de Tomb Raider non é a única icona dos videoxogos en evolucionar ao longo do tempo, e nos últimos meses tamén puidemos ver composicións na que se reflectían os cambios de Mario, Donkey Kong e Link na súa historia. Incluso podemos destacar que dende a aparición no mercado da PS3 e a Xbox 360 é máis habitual ver cómo se actualizan clásicos, xa que moitos vellos xogos se están a comercializar en versións renovadas e adaptadas á alta definición (o que forza normalmente a unha revisión completa).

PUBLICIDADE