Lanzadera explicará o seu método empresarial en Compostela

luns, 12 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

O proxecto de capital privado impulsado por Juan Roig, Lanzadera, leva un par de anos axudando a que líderes emprendedores creen empresas eficientes, que acheguen valor e implanten un modelo empresarial sólido baseado no traballo produtivo, o esforzo e o liderado, e para dar a coñecer esta iniciativa, o seu director xeral, Javier Jiménez Marco, explicará o Modelo de Calidade Total que aplican ás empresas o vindeiro venres ás 10:30 horas no salón de actos do CiTIUS, en Santiago de Compostela.
Dende Lanzadera impulsaron numerosos proxectos tecnolóxicos nas súas dúas primeiras edicións, como a empresa de desenvolvemento de videoxogos Codigames (que conseguiu recibir 2,2 millóns de euros por parte de Angels Capital), a aplicación Apparcando, a plataforma telemática de consultas veterinarias Barkibu ou a solución de software para novos formatos publicitarios interactivos PlayFilm; e Javier Jiménez aproveitará a súa visita a Compostela para dar conta do que buscan na súa convocatoria 2015/2016, á vez que debullará o seu proceso de selección para que os interesados en iniciar o seu proxecto empresarial saiban se poden atopar acubillo baixo o paraugas de Lanzadera.

PUBLICIDADE