Lalín prepara un proxecto para levar Internet sen fíos ás súas 52 parroquias

mércores, 7 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

A experiencia de levar Internet á porta dos veciños (con independencia de que vivan nas vilas ou non) en concellos galegos coma os máis avanzados no plan Cidades Dixitais ou mesmo en Avión, semella ter sido proveitosa, aínda que só sexa coa finalidade de cubrir zonas de sombra dixital na nosa terra ou de informar ós galegos das vantaxes e usos da Internet. Á listaxe dos devanditos concellos (entre outros que moi posiblemente fiquen no tinteiro) cómpre engadir agora a Lalín, que está a estudar as posibilidades de poñer en marcha un proxecto de acceso sen fíos a Internet, televisión e telefonía, a través da tecnoloxía Wimax e nas 52 parroquias que integran este termo municipal pontevedrés.
Así o fixo saber os días pasados o alcalde Xosé Crespo, que xa anunciou que o proxecto bebe do posto previamente en marcha en Molina de Segura (Murcia), que forma parte do proxecto Cidades Dixitais (como A Estrada, As Pontes ou Vilalba). A iniciativa de Lalín, que levaría consigo un investimento de 200.000 euros, tería o seu alicerce no que se coñece como “Wimax”, unha tecnoloxía que non che obriga a habilitar quilómetros de fíos e que, combinada con outras como WiFi ou Mesh, permite achegar zonas de luz (de acceso, neste caso) alí onde a priori non sexa posible, algo que acontece en Galiza en moitas máis ocasións das desexadas, sobre todo pola súa paisaxe accidentada.
O caso é que a infraestrutura que prepara o Concello de Lalín tería unha frecuencia de 5 xigas, encamiñados a abranguer un radio de até 25 quilómetros de superficie. A idea é de que unha vez que se habiliten as antenas e o resto do equipamento, se poida poñer en marcha o servizo para os veciños nun prazo de tres ou catro meses.

PUBLICIDADE