Lalín achega á súa mocidade á impresión en 3D

xoves, 8 de setembro do 2016 Redacción

O Concello de Lalín, en colaboración coa firma local Máis 3D, vai organizar un curso de balde sobre impresión 3D. A actividade formativa, dirixida sobre todo a mozas e mozos con idades comprendidas entre os dezaseis e os 35 anos, levarase a cabo en dous grupos establecidos en base ao nivel de coñecemento (básico ou avanzado) dos participantes. As clases desenvolveranse na Aula CeMIT de Lalín e o horario será de 16.00 a 20.00 horas. Manuel Martín, Soledad Jarmolchuck e Alberto Novo, de Máis 3D, serán os encargados de impartir os contidos. Complementarán o achegamento á impresión en 3D con equipamento in situ, por exemplo as impresoras Zortrax M200, Legio, XYZ Davinci ou XYZ Nobel.
Segundo fixeron saber na presentación, a finalidade é conseguir que os participantes sexan quen de tirar partido dunha impresora 3D, levar a cabo un deseño e, tamén, traballar con material xa impreso. Máis en detalle, búscase achegar “os coñecementos precisos para que os alumnos poidan realizar impresións 3D de nivel medio nas tecnoloxías FDM e SLA, amais de materializar diferentes pezas con elementos variados co fin de comprender as moitas aplicacións destas tecnoloxías”. Na presentación tamén participaron os concelleiros de Novas Tecnoloxías e Cultura, Tomás Vilarió e Lara Rodríguez, respectivamente.
O curso, como dixemos, levarase a cabo en dúas quendas. A primeira será os días 12, 13, 14 e 15 de setembro, con horario de 16.00 a 20.00 horas. A segunda será os días 19, 20, 21 e 22 do mesmo mes e co mesmo horario.

PUBLICIDADE