La 2 de TVE dará o salto á alta definición

xoves, 7 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que estamos afeitos a que os cambios na grella da TDT veñan da man das canles privadas, agora as boas novas chegan dos medios públicos, xa que Televisión Española vén de anunciar que na súa nova tempada La 2 vai pasar a emitirse en alta definición. Será en outubro cando La 2 dea ese salto de calidade, segundo anunciaron no marco do FesTVal de Vitoria, o que permitirá que a histórica segunda canle poida estar por fin á altura de La 1 e Teledeporte, canles que xa levan bastante tempo ofrecendo o seu sinal en HD. Deste xeito só quedarían en definición estándar Canal 24h e Clan TVE. Para ver a nova canle será preciso resintonizar, e a data de chegada pode mudar en función da provincia na que nos atopemos (confiándose en rematar o proceso de espallamento de La 2 HD a primeiros de 2018).
O salto á alta definición de La 2 farase notar nos programas de produción propia e, moi especialmente, nos documentais e las películas, atendendo así unha longa demanda da audiencia, que esixe cada vez unha maior calidade de imaxe. Incluso pode sorprender que a transición á alta definición estea a ser tan lenta, pois TVE xa conta con emisións en probas en 4K en Madrid, Barcelona e Sevilla, o que supón un marcado contraste provocado pola grande velocidade na que está a avanzar esta tecnoloxía que ten que padecer o lastre de que os primeiros receptores de TDT instalados non son compatibles cos sinais de alta definición (e incluso hai televisores 4K que non son compatibles co estándar que implantarase para ese tipo de sinais).

PUBLICIDADE