Kinetic Combat: aprender e practicar Kung Fu dende a PS2

luns, 16 de outubro do 2006 Marcus Fernández

O vindeiro 8 de novembro chegará ás tendas españolas un novo xogo para PlayStation 2 baseado na popular cámara Eye Toy e que permitirá ós seus usuarios adestrarse para o combate e facer exercicio mentres se divirten.
Kinetic Combat é así unha curiosa oferta para os xogadores que queiran exercitarse fronte o seu televisor (aprendendo de paso técnicas de Kung Fu), permitindo a participación de entre 1 e 4 persoas que poderán seguir un programa de 16 semanas con máis de 24 horas de clases nas que un adestrador persoal ensina, guía, analiza e avalía a correcta realización dos movementos de cada xogador e a súa capacidade de resistencia.
As técnicas de Kung Fu (baseadas no Hung Gar, popularizado no cine asiático por figuras coma Bolo Yeung) que se practican no programa repártense en 4 animais, con distintos obxectivos cada un, de xeito que o adestramento do dragón permite aprender os principios básicos da arte marcial, mentres que o tigre desenvolve a forza, a mantis mellora a axilidade, o equilibro, a coordinación e a resistencia e o fénix combina as habilidades adquiridas coa precisión e o tempo.
En cada unha das 4 áreas do xogo mencionadas, o usuario poderá aprender 50 movementos distintos divididos en 12 xogos, de xeito que consigue completar un bo repertorio de técnicas ofensivas e defensivas, de xeito que estamos ante un xogo que entretén e ensina.
Non se recomenda para menores de 12 anos e venderase a 59,99 euros (cunha cámara Eye Toy) e 39,99 euros (sen cámara).

Na Internet pódese ver o vídeo de promoción deste orixinal sistema de adestramento marcial:

PUBLICIDADE