José Miñones e as científicas do CSIC fan un chamamento pola igualdade STEM

venres, 11 de febreiro do 2022 S. P.

Coincidindo co día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, o delegado do Goberno en Galicia José Miñones mantivo un encontro con científicas titulares dos centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) emprazados en Galicia. Acompañado polo delegado institucional do CSIC na Comunidade, Javier Rey, departiu con cinco mulleres que traballan no sector público da ciencia e que, en varios casos, ocupan postos de responsabilidade. No transcurso da xuntanza, dixo que a celebración deste 11-F é preciso que se traslade aos 365 días do ano, o obxectivo de “acadar a plena igualdade no sector da investigación en España e Galicia”.
Durante a reunión, o delegado trasladoulles ás científicas o compromiso do Goberno coa promoción das mulleres na investigación e na ciencia. E referiuse ao Plan de Recuperación que está a mobilizar a maior cantidade de recursos da historia para I+D e para fortalecer a capacidade da investigación en España. Del apuntou que “mobilizaremos máis de 3.300 millóns de euros entre 2021 e 2023, e o faremos dende unha perspectiva de xénero transversal”.
No encontro participaron: Cristina Sánchez, antropóloga e vicedirectora do Instituto de Ciencias del Patrimonio (INCIPIT); Amparo Rubio Martínez, experta en historia medieval no Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (IEGPS); Carmen Rivas, do Centro Nacional de Biotecnología (CNB) e actual xefa do grupo de virus e cáncer no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermedades Crónicas (CiMUS-USC); Angeles Prieto, vicedirectora do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG); e Eva Balsa, vicedirectora do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) e xefa do grupo de Biosistemas e enxeñería de procesos.
José Miñones quixo coñecer as súas experiencias profesionais, escoitar ás súas reivindicacións e “sobre todo para poñer en valor a muller investigadora na administración pública, porque precisamente o CSIC, dependente do Ministerio de Ciencia, é un bo exemplo de que si se quere se pode”. Nesta liña, o delegado apuntou que o CSIC puxo en marcha hai xa 20 anos unha Comisión específica de Muller e Ciencia e destacou que “no CSIC o 50% das persoas que están formación e do persoa técnico son mulleres”, unha realidade que “non se da na universidade e moito menos nas empresas”, apuntou.

PUBLICIDADE