Joost ábrese parcialmente coma unha plataforma de vídeo baixo demanda baseada en tecnoloxía P2P

mércores, 2 de maio do 2007 Marcus Fernández

Os fundadores de proxectos de éxito coma KaZaA e Skype, Niklas Zennström e Janus Friis, están a dar moito que falar co que se daba en chamar O Proxecto Venecia, e que xa ten un produto rebautizado, Joost. Este novo programa aplicaría a filosofía das iniciativas anteriores tirando proveito da tecnoloxía P2P para crear un sistema de difusión de vídeo a través da Rede que podería revolucionar o xeito de entender o audiovisual na Rede. Así, con Joost os usuarios poderían ver unha serie de canles televisivos pregravados cunha calidade semellante á da televisión tradicional, pero con certa interactividade e con contidos á carta, o que xa se tiña con solucións coma YouTube, pero que nesta ocasión dá un salto cualitativo constituíndose en toda unha alternativa á televisión terrestre que nos últimos meses contou cunha inmensa base de usuarios de proba. Ademais, os responsables de Joost tamén pecharon acordos con moitos provedores de contidos que provén a este novo xeito de achegar a televisión ós usuarios de infinidade de pezas que, lonxe de pode competir con YouTube, destacan por publicarse de xeito totalmente legal.
Así, os usuarios de proba de Joost teñen á súa disposición entrevistas a artistas musicais, videoclips, episodios da serie televisiva da cadela Lassie, series de animación (dende clásicos ata anime), documentais, acontecementos deportivos, reportaxes sobre o mundo do motor ou programas sobre videoxogos, aínda que polo momento o inglés reina entre toda esta oferta audiovisual (cunha tímida presenza do español).
O respecto de Joost ós dereitos dos contidos que distribúe o levan a que a oferta de contidos sexa diferente segundo o país no que está o receptor dos programas, polo que dende España non podemos ver boa parte das canles (coma National Geographic) pero iso non supón que lle falte variedade a unha programación gratuíta que pretende financiarse mediante publicidade e que non perseguirá os contidos xerados polos usuarios (coma fai Google) pero que podería supor unha canle excelente para as pequenas produtoras que queiran chegar a un grande público.
Esta semana será chave no futuro desta nova plataforma de contidos, pois os usuarios de proba verán incrementadas infinitamente as súas invitación para achegar a outros usuarios a Joost, o que viría a ser unha apertura de facto do sistema (como xa pasara con Gmail). Haberá que agardar agora para ver se Joost se converte no novo éxito audiovisual da Rede (como aconteceu con Google) ou quedará só cun nicho de usuarios de banda larga que prefiren contidos de calidade fronte a unha oferta de contidos de pouca definición nas que se pode perder un na actualidade.

PUBLICIDADE