Jazztel devolverá os cartos ós clientes insatisfeitos

mércores, 12 de setembro do 2007 Marcus Fernández

A banda larga doméstica é un mercado en constante loita por roubarlle clientes á operadora dominante, Telefónica, e Jazztel pretende facer tal cunha campaña coa que busca gañar a confianza dos seus futuros clientes, pois anuncia que devolverá os cartos ós usuarios que non estea satisfeitos co servizo de ADSL da compañía.
Dende Jazztel non só sosteñen que o cliente con eles aforra ata 200 euros ó ano con eles fronte a Telefónica, senón que mesmo prometen que durante os 75 primeiros días de contratación o cliente que non estea contento co servizo poderá darse de baixa devolvéndoselle os cartos abonados, aínda que tampouco habería problemas en deixar a compañía no futuro xa que a súa nova modalidade de contratación non ten compromiso de permanencia.
Luis del Pozo, responsable da división residencial da compañía, durante a presentación desta nova oferta dirixida a rachar a «barreira psicolóxica que teñen algúns usuarios cara a Jazztel» asegurou que o tempo medio de activación dunha liña é de 22 días, non agardando practicamente ninguén máis dun mes natural.
A agresiva nova promoción de Jazztel pretende así co seu estancamento, xa que nos últimos 15 meses non acadou ningún incremento neto no seu número de clientes. Ademais, durante un período promocional que durará ata finais de ano os seus novos clientes só terán que pagar cotas de 9,98, 10,98 e 14,98 euros/mes para as súas conexións de 1, 3 e 20 Mbps + chamadas, que en 2008 pasarían a custar 19,95, 21,95 e 29,95 euros/mes respectivamente, aínda que hai que indicar que esta promoción está suxeita a limitacións xeográficas, ou sexa, que só se aplica a lugares a onde Jazztel chega sen revender accesos de Telefónica.

PUBLICIDADE