Jazztel achega o seu ADSL2+ a 500 centrais de Telefónica chegando ó 65% do mercado español

martes, 10 de outubro do 2006 Marcus Fernández


Jazztel xa completou as súas instalacións en 500 centrais de Telefónica dende as que darán servizos de ADSL2+ coas que cubrirían o 65% do mercado español. Deste xeito Jazztel pode ofrecer (con factura única) unha velocidade de acceso á Rede maior da habitual, servizos de televisión e VoIP.
A compañía agarda pechar o ano con presenza en 530 centrais, polo que continúan a impulsar o seu negocio residencial, no que promoven os seus sistemas de acceso con 20 Mbps de velocidade, a televisión por ADSL (chamada Jazztelia TV) e o seu servizo de videochamadas e telefonía IP (VozNet).
Ademais, Jazztel anunciou que vai a continuar a mellorar os seus servizos, polo que están a traballar nunha rede de nova xeración (Next Generation Network) coa que prometen velocidades de ata 50 Mbps e aseguran que xa están preparados para dar servizos multiDSL ou VDSL2 cando estas tecnoloxías estean maduras.

PUBLICIDADE