Javier Vázquez e Enrique Dans achegan claves para o futuro das empresas en Internet... e grazas a Internet

martes, 13 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

O Centro Social Caixanova acolleu este luns 12 un encontro encamiñado a dar cos mellores pasos a seguir nunha empresa en materia de innovación, e sobre todo se o que temos entre mans é un posto de responsabilidade. O encontro, organizado pola Asociación de Xóvenes Empresarios de Galicia (AJE Vigo), contou coa presenza de Javier Vázquez (da firma Igalia) e de un dos blogueiros galegos que en máis ocasións figura entre os autores de meirande seguimento da Internet, Enrique Dans, mestre no Instituto de Empresa.
No transcurso da xornada, Vázquez fixo un reconto das accións desenvolvidas en materia de software libre en proxectos como Genom, que constitúen a posta en marcha de plataformas que se basean sobre todo no principio de cooperación (en mancomún). En contraposición a isto, salientou a necesidade de mudar unha realidade -esta- na que hai empresas que gastan un 30% do seu orzamento en mercar software pechado cando existe a posibilidade de empregar ferramentas libres con licenza de balde e usar ese 30% de presuposto en requirir os servizos dunha empresa que sexa quen de asesorala na materia.
Enrique Dans, pola súa parte, avaliou durante máis de dúas horas a transformación até a raizame que se a está a producir na Sociedade da Información tal e como a coñecemos, cambios que teñen moito que ver os novos usos do internauta (que xa non é o mesmo e quere falar e dar a súa opinión e meter man) e as novas ferramentas participativas postas ó seu alcance. “As empresas perderán unha gran oportunidade de facer negocio se seguen con accións unidireccionais de información e non comezan a participar no que é a gran conversa que na actualidade manteñen os potenciais consumidores de foros e de blogs”, dixo. E engadiu, referíndose ás consecuencias máis inmediatas do cambio e o que vai significar para a nosa sociedade: “A transformación será un chouto xeracional só comparable ó que achegou o rock and roll na súa época”.
Na imaxe, Javier Vázquez e Enrique Dans no auditorio do Centro Social de Caixanova.

PUBLICIDADE