Javier Guerra será o encargado de abrir as actividades de SITE 2010

venres, 12 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

Javier Guerra presentando unha guía interactiva do Camiño de Santiago para iPhone

Javier Guerra, conselleiro de Economía e Industria, inaugurará o salón-congreso SITE o vindeiro 17 de novembro, no recinto EXPOCoruña, complexo de mostras organizador deste salón-congreso galego sobre as novas tendencias dixitais nos negocios, o comercio e a eAdministración. Así llelo vén de confirmar a Xunta aos membros do comité organizador de SITE, ao igual que a participación activa de Guerra nas sesións de debate e de relatorios, presidindo a primeira mesa do día 17, dedicada á Tecnoloxía para a Internacionalización, na que tamén intervirán Grupo Antolín, Inditex e Grupo Pescanova. Como se ten informado dende esta web, SITE é unha actividade a desenvolver en dous vieiros complementarios: por unha banda o espazo expositivo, e pola outra a programación congresual.
Ámbalas dúas liñas comparten obxectivos: facer de SITE un emprazamento axeitado para o intercambio de tecnoloxías e coñecemento entre profesionais da nosa terra e dos eidos estatal e internacional, sendo os grandes eixes temáticos as transaccións e a internacionalización das empresas co apoio das canles dixitais, a tecnoloxía financeira ou a tecnoloxía no sector público.
Ao mesmo tempo, SITE dará acubillo a unha serie de actividades paralelas co obxectivo de achegar unha “panorámica aínda máis ampla da innovación no sector tecnolóxico, abrindo a porta ás relacións entre creadores, comercializadores e usuarios das TIC”.
As Actividades Paralelas de SITE, punto por punto
Start Up. O espazo de SITE para os emprendedores galegos, un punto de encontro cos seus potenciais investidores ou clientes, no que grandes compañías expositoras ou visitantes do salón poderán descubrir as ideas máis innovadoras e as súas aplicacións tecnoloxías. Alí poderemos coñecer as propostas de máis de 40 empresas que traballan en e para Internet. Entre elas atópanse Imaxin Software, galardoada como mellor proxecto TIC pola AETG; Webphone, Click to Call sistema on-line; Confirmsign, envío de e-mails certificados; Enxendra, factura electrónica internacional; Binaurality, nova técnica para a aprendizaxe de idiomas on-line. IkiMap, comparte mapas; Pleiteando. portal xurídico on-line, Premio Mellor Emprendedor Innova-G; Ipoki, mostra a túa posición en tempo real; Jobsket, portal de emprego para procurar e atopar ofertas de traballo ou Bit Oceans, solucións on-line contra o fraude en documentos impresos.
Países convidados. A Cámara de Comercio da Coruña, co financiamento do FEDER, no marco de SITE 2010 reunirá a un grupo de importadores e distribuidores internacionais de Italia e Reino Unido, con quen os expositores do salón poderán manter xuntanzas individuais, dinamizando as súas relacións comerciais. Entre os visitantes italianos figuran o Consorzio ABI Lab, Centro de Investigación e Desenvolvemento das Tecnoloxías no eido bancario, o consorcio TIC italiano Netcomm (IT), a asociación TIC Assintel, o ente público responsable das TIC n administración italiana DigitPA e os Observatorios TIC & Management del Politécnico de Milán.
Desde Inglaterra achegaranse a SITE, entre outros, o Lafferty Group, especializado en servizos de investigación, elaboración de informes sectoriais e asesoramento aos líderes da banca ou Intellect Technology Association, principal asociación comercial do sector tecnolóxico do Reino Unido, abranguendo desde TIC ou industria electrónica de consumo até tecnoloxía da información espacial e de defensa.
Speaker Corner. Integrado na área feiral de SITE, este espazo dará acubillo a breves presentacións, de arredor dun cuarto de hora, nas que algúns dos expositores, amosarán de forma práctica e directa os seus proxectos máis recentes. Participarán entre outros Accenture, Alba, Antea, EMC, IPM, Microsoft, Microstrategy, Nexgal, Oesia, Ricoh, Tecnocom, Readsoft ou Telvent.
SITE Congreso. Da man de profesionais de referencia achegarase dende un punto de vista global un completo programa que permita avaliar a fondo a situación internacional e as tendencias neste senso. En palabras da organización, EXPOCoruña, trátase dun congreso “especialmente deseñado para subministrarlles ferramentas de decisión aos directivos de banca, telecomunicacións e administracións, especialmente aos directivos de sistemas, de innovación e de internacionalización de todo tipo de empresas”.
SITE Salón. Este espazo expositivo presenta 2.500 metros cadrados de área de mostras, cun total de 34 empresas TIC (líderes da innovación) presentando as súas novidades a nivel internacional en seguridade, comercio electrónico e transaccións, amais das canles e ferramentas propias de seu dirixidas á xestión empresarial.
Quen está detrás de SITE?
Organizado por EXPOCoruña e promovido pola Xunta, a Cámara de Comercio da Coruña e Caixa Galicia, a primeira edición de SITE conta co apoio dun salientable grupo de empresas e entidades integradas nos seus comités organizadores e de honra, como por exemplo a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Cluster TIC, o Banco Pastor, Credit Agricole, o operador galego R ou a multinacional galega Inditex.

PUBLICIDADE