Investigadores de toda Europa sentan en Santiago as bases dunha biblioteca virtual en Matemáticas

venres, 13 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

Se hai un camiño para a investigación, ese é o de buscarse. A Rede e os recursos dixitais de comunicación en xeral non deixan marxe para o contrario. Probablemente, o espallamento e a apertura do labor científico sexan circunstancias que se terían dado igual houbese ou non houbese novas canles, pero o caso é que as hai, e o seu potencial é tan grande como nos poidamos imaxinar. Precisamente diso, de tirar proveito delas para contribuír a este proceso xeneralizado de caída de barreiras, é do que trata en boa medida o encontro que se está a celebrar entre hoxe e mañá na Universidade de Santiago: o congreso Cara unha biblioteca europea virtual en Matemáticas convocado pola European Science Foundation (ESF). A xuntanza, que como o seu propio nome indica trata de asentar os alicerces dunha estrutura paneuropea de investigación apoiada na virtualización, reúne baixo un mesmo teito a investigadores de diferentes parcelas do coñecemento cunha arela común: compartir e comunicarse. Falamos de matemáticos, informáticos e bibliotecarios procedentes de toda Europa. A idea, máis polo miúdo, é a de favorecer na medida do posible o acceso á información que todos eles poñan en xogo, dende publicacións científicas a bases de datos bibliográficas, pasando por teses doutorais.
Máis en detalle e segundo informa a Universidade de Santiago, entre os participantes atópanse matemáticos profesionais interesados na edición de revistas de investigación, representantes de bases de datos bibliográficas europeas como Zentralblatt, documentalistas e bibliotecarios, responsables de proxectos nacionais de dixitalización e informáticos especialistas en acceso aberto. Todos eles, sinala a USC, membros de centros e institucións de prestixio como a Biblioteca de Gottingen ou a Academia de Ciencias de Serbia, pasando por universidades, centros de investigación e organizacións de Austria, Bulgaria, Francia, Gran Bretaña, República Checa, Italia, Portugal ou Polonia. Por parte española participan as principais sociedades matemáticas, o CEMAT, o CSIC, o proxecto Consolider i-Math e o CESGA.
Por certo que os investigadores convidados contan cunha vantaxe á hora de pechar fileiras e acadar os seus obxectivos: os precedentes da rede común que perseguen. Segundo informa a USC, en España xa hai unhas cantas ferramentas de colaboración abertas para docentes e científicos, como por exemplo o portal DML-E no que se atopan todas as revistas de investigación españolas; o directorio DOCUMAT-DIALNET de teses de doutoramento ou as bases de datos ZMATH e MATHDI instaladas no CESGA, todas elas auspiciadas pola Comisión de información e comunicación electrónicas do CEMAT que preside Enrique Macías.

PUBLICIDADE