Investigadoras galegas advirten das graves desigualdades que presenta o tecido tecnolóxico e científico

xoves, 19 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

A nivel político, e en moitos outros niveis, unha cousa é o que se di que se fai e outra ben distinta é o que finalmente se fai. En materia de estratexias destinadas a fomentar a igualdade tivemos e temos moito disto: unha manchea de iniciativas postas en marcha para impulsar o papel da muller a nivel tecnolóxico e investigador e logo, segundo se pode ver nas estatísticas e os estudos finais, resulta que non se avanzou case nada. Isto foi o que pasou no período que vai de 2003 a 2009 en España, o treito de tempo que lles serviu ás autoras dunha monografía, presentada estes días na Universidade de Vigo, no que se avalía o peso das investigadoras galegas no conxunto do Estado, un peso que foi baixando dende 2003 até hoxe, non habendo moitos sinais que indiquen un cambio da tendencia a curto e medio prazo.
En definitiva, a muller segue a ter cada vez máis presenza nas facultades ligadas ás disciplinas tecnolóxicas, científicas e dixitais, pero isto non se reflicte, de ningún xeito, na obtención dun meirande número de postos de responsabilidade nas empresas, institucións de toda índole ou centros de investigación. Estes e outros datos figuran na monografía titulada As mulleres no eido científico, tecnolóxico e de transferencia do coñecemento en Galicia, un estudo achegado en castelán que, amais de avaliar polo miúdo o acontecido no devandito período de bonanza económica (o que vai de 2003 a 2009), advirte do que pode acontecer nos vindeiros anos, coa crise económica aínda viva e con máis que previsíbeis recortes orzamentarios en materia de ciencia, de TIC e de igualdade de oportunidades.
O libro foi presentado este mércores no Campus de Ourense por María Lameiras, vicerreitora do campus, e os seus autores, que son Alberto Vaquero, da Universidade de Vigo; Sara Fernández, Milagros Vivel e Nélida Porto, da Universidade de Santiago de Compostela; e Ana Jesús López e Almudena Fernández, da Universidade da Coruña. “A pesares dos significativos avances no campo da igualdade e do incremento nominal de recursos, en Galicia as investigadoras perderon importancia relativa respecto ao total nacional, caendo desde o 5,6% que representaban en 2003 ata un 4,8% en 2009”, advertiu Alberto Vaquero durante a súa intervención.
A obra, informa polo miúdo a Universidade de Vigo na súa web, describe á investigadora galega como unha muller de entre 25 e 35 anos, que en unha elevada porcentaxe (71%) non ten fillos e se os ten é nun número inferior aos dos seus compañeiros varóns. Segundo a monografía, os homes sitúanse tamén nos postos máis altos no campo da ciencia e a investigación e posúen unha formación menor que as mulleres para acceder a postos de máis responsabilidade. As diferenzas laborais tamén quedan constadas en esta monografía, onde se recolle que as investigadoras teñen un contrato indefinido nun 53% dos casos fronte a un 75% dos homes.

PUBLICIDADE