Intermax comprométese a levar Internet ao 100% dos usuarios en concellos lugueses cos que teñen convenio

xoves, 21 de xullo do 2011 Redacción

Intermax leva a Rede ata o Castelo de Pambre

Intermax Technology puxo en marcha un plan de expansión coa intención de levar Internet ata o último recuncho de Galicia, «por moi difícil que sexa tanto a localización como o acceso», segundo explica a firma melidense. Nestes días iniciará a instalación dunha antena no monte de Facha, na zona limítrofe das provincias de Lugo e Pontevedra, que dará maior cobertura aos concellos de Lalín, Agolada, Antas de Ulla, Rodeiro e Palas de Rei, entre outros.
O director xeral de Intermax, Javier Mouriño, destaca que o obxectivo da empresa é dotar de acceso de banda larga a todo o medio rural galego, «porque é unha necesidade básica e social que queremos cubrir, comprometida coa redución efectiva da chamada fenda dixital, coa particularidade de que nós chegamos a onde outros non». E pon o exemplo do Castelo de Pambre, en Palas de Rei (Lugo), onde Intermax está a acometer os traballos necesarios para dar cobertura a un monumento de «difícil arquitectura e acceso», xa que se atopa nun penedo á beira do río.

Antena de Intermax instalada en Samos

Na provincia de Lugo, Intermax dá cobertura a Friol, Monterroso, Palas, Lugo, Guntín, Antas de Ulla, Portomarín, Samos, Sarria, O Corgo, Castroverde, Baralla, Láncara, O Páramo e Paradela, así como a concellos costeiros como Burela e Cervo, grazas a sinatura de diversos convenios de colaboración. A empresa indica que ten presenza en máis de 60 municipios de toda Galicia, e arredor de 7.500 usuarios públicos e privados, entre os que se contan centros da Administración, empresas e establecementos comerciais, cooperativas e particulares.
A «elevada satisfacción» polos servizos, tanto institucionais como privados, animan a Intermax a seguir estendendo internet a todos os fogares: «Temos clientes moi agradecidos porque levaban anos esperando por unha conexión ou un acceso estable e de calidade. O medio rural galego ten unha enorme potencialidade en desenvolvemento empresarial e crecemento de asentamento de poboación, fortalezas que están limitadas se non dispoñen de banda larga».

PUBLICIDADE