Interban Network amosa en Vigo como encarar o desafío da dixitalización

mércores, 3 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

Estes xoves 4 de maio o NH Collection Vigo vai acoller unha xornada sobre recursos accesíbeis para incrementar as nosas posibilidades de trunfar no mercado e, tamén, de adaptarnos aos novos xeitos tecnolóxicos de facer as cousas. Trátase do encontro 3 claves para o éxito da PEME e vén da man de Interban Network (plataforma multicanle de recursos para empresas), coa colaboración de entidades como a asociación empresarial galega Ineo.
A cita, inserida nunha xira estatal que se desenvolve ao longo de todo ano, artéllase como se indica no seu epígrafe en tres bloques temáticos: finanzas, mercadotecnia e vendas e recursos humanos. Inclúe relatorios para “abordar retos e dificultades concretas” do día a día as PEME, retos e desafíos que teñen que ver, directamente, coa “nova era de medre e dixitalización” que estamos a vivir.
Para o bloque sobre finanzas contarase coa presenza de representantes de Interban Network, Crédito e Caución, Bankia ou a Fundación Seur. O ámbito da transformación tecnolóxica será abordado por Social Brains e Exact Cloud Solutions España. Pola súa banda, Correos Express debullará a cuestión da mercadotecnia e as vendas e o experto en recursos humanos e adestramento, Mario López Guerrero, falará sobre metodoloxías para sacar proveito do potencial dos nosos traballadores.

PUBLICIDADE