Innovación traballa no desenvolvemento de ferramentas informáticas de Software Libre para persoas con discapacidade

martes, 12 de xuño do 2007 Raquel Noya

A Consellería de Innovación e Industria, a través de Mancomun.org (a iniciativa galega polo software libre) e en colaboración coas Universidades da Coruña e Vigo, está a traballar no desenvolvemento de ferramentas informáticas de Software Libre dirixidas ás persoas con diversidade funcional, entre as que destaca un rato que funciona co movemento da cabeza.
Mediante este convenio, que reforzará a integración na sociedade da información de persoas dun colectivo con grande risco de exclusión, Innovación pretende ademais acadar a creación dun xestor de arrinque para persoas invidentes ou con cegueira parcial e mellorar a accesibilidade a Internet a través do navegador Mozilla Firefox para deficientes visuais.
Este traballo será desenvolvido maioritariamente pola Facultade de Informática da Universidade da Coruña e, pola súa banda, a Universidade de Vigo, colaborará na iniciativa achegando a súa experiencia nos sistemas de recoñecemento e síntese de voz.
O menor costo do software libre fai que a accesibilidade sexa realmente para todos e concretamente, este rato que se move coa cabeza, cun software propietario e hardware específico podería custar 9.000 euros, cantidade que non chegaría nin ós 50 euros coa alternativa en Software Libre na que están a traballar estas entidades.
O software destas ferramentas será liberado polo que investigadores e programadores de todo o mundo poderán acceder a el e mellorar estas importantes contribucións á accesibilidade das tecnoloxías da información por parte de todos.

PUBLICIDADE