Innovación subvenciona os proxectos de investigación básica do sistema público de I+D+i

xoves, 31 de xullo do 2008 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación e Industria vén de facer pública, a través da súa páxina web, a resolución parcial da convocatoria de Promoción Xeral de Investigación (DOG número 56 do 24 de marzo de 2008) pola que adxudicará máis de 4 millóns de euros para os proxectos de I+D+i públicos. Este programa de axudas inclúe catro modalidades de subvencións: para proxectos de investigación básica, para a elaboración de propostas ao VII Programa Cadro, para a organización de congresos e reunións científicas e para a asistencia a eventos destas características que teñan lugar fóra de Galicia.
A través desta primeira resolución, o devandito departamento adxudicará un total de 4.100.632 de euros dos 6.496.000 cos que está dotada a convocatoria, correspondentes ás modalidades de proxectos de investigación, organización de congresos e asistencia a reunións científicas. A modalidade de axudas para a elaboración de propostas do VII Programa Cadro así como unha parte dos proxectos de investigación básica serán resoltos previsiblemente no vindeiro mes de setembro pola mesma Consellaría.

Para poder percibir as axudas, as entidades beneficiarias deben presentar a documentación e as certificacións que esixe a devandita orde de Promoción Xeral da Investigación para cada unha das modalidades. O prazo para a presentación desta documentación remata o vindeiro 31 de outubro no caso das axudas para proxectos de investigación e o 10 de novembro no caso das subvencións para organizar e para asistir a eventos de carácter científico.

Xeración de coñecemento

A modalidade de axudas a proxectos de investigación básica é á que se destina a maior parte do orzamento, 4.065.282 euros. O seu obxectivo é financiar proxectos do sistema público de I+D+i que procuren a excelencia na xeración de coñecemento, prestando especial atención ao desenvolvemento de novas liñas de investigación. A duración dos proxectos pode ser ata de catro anos (ata 2011) e a axuda cubre o 100% do orzamento necesario para a realización do proxecto, incrementado nun 15% destinado a subsanar os gastos institucionais que orixina a súa execución.
As tres universidades galegas recibirán 3.684.215 para proxectos de investigación de diferentes áreas do coñecemento. As outras entidades beneficiarias son o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), que recibirá 214.996 para proxectos do Instituto de Investigacións Mariñas e do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas, a Fundación IDICHUS (do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela), á que se lle outorgaron 109.810 euros para dous proxectos, e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que recibirá 56.261 euros.

Organización de congresos e reunións científicas

No apartado dedicado ás axudas concedidas para a organización de congresos e reunións científicas, do que son posibles beneficiarios os axentes do sistema público de I+D+i agás as universidades, concedéronse catro axudas por un total de 10.950 euros. A fundación Biomédica do C.H.U. de Vigo, a Fundación Cabaleiro Goás, vinculada ao Complexo Hospitalario de Ourense, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC) e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Deputación de Pontevedra) recibirán cadansúa subvención para a realización de actividades que teñan como obxectivo a difusión dos avances do coñecemento científico e da investigación que teñan lugar en Galiza.

PUBLICIDADE