Innovación galega para xestionar o traballo da policía local de Cádiz

martes, 2 de setembro do 2008 Raquel Noya

O concello de Cádiz vén de adxudicarlle á empresa galega eLaboro SL, a implantación da súa aplicación ePatrol, baseada no software libre, que xestiona tódolos procedementos administrativos relativos á Policía Local ao longo de todo o proceso e en total coordinación co conxunto de unidades administrativas relacionadas.
O servizo ePatrol (do que xa falamos noutras ocasións, cando foi incorporado en cidades como Navarra ou Tarragona), integra as últimas novidades nas tecnoloxías sen fíos como son o GPRS, GPS e Wi-Fi, e permite empregar as PDAs como sistema de toma de datos e consulta.
Asemade, o devandito sistema permite incorporar de xeito progresivo os procedementos administrativos (sancións, violencia doméstica, mantemento de parque móbil, mobiliario urbano, incidencia nas vías, xestión de chamadas...) e tamén inclúe a posibilidade de consultar os padróns de vehículos e habitantes, xeolocalizar os axentes e os vehículos ou visualizar os rueiros e as normativas administrativas.
En conxunto, 173 policías locais desenvolverán o seu traballo no concello andaluz coordinados e en rede mediante o ePatrol.
A partires da implantación do ePatrol, os responsables do concello gaditano pretenden optimizar a xestión administrativa policial “coa mellor ferramenta posible”. A selección desta plataforma, aseguran, “responde ao feito de ser unha ferramenta potente e versátil”, construída a partires de software libre e modulable.
Na actualidade, 3 persoas están dedicadas no concello gaditano, durante toda a xornada laboral, a mecanizar as denuncias de tráfico e ordenanzas municipais. O software galego permitirá que ese persoal cumpra outras funcións máis produtivas ao reducir o tempo empregado para tal fin de 20 días a 2 minutos.

PUBLICIDADE