Innovación estrea a súa serie audiovisual, Contos do Camiño

martes, 16 de decembro do 2008 Raquel Noya

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, vén de presentar en Lugo unha serie de animación audiovisual que recrea as distintas historias coas que os pelegríns e camiñantes facían máis amena a súa peregrinaxe cara a Santiago de Compostela.
Estas historias, procedentes de diferentes pobos e culturas, animaban a andaina dos camiñantes que percorrían o Camiño de Santiago cara a tumba do Apóstolo e agora veñen de converterse en series de animación audiovisual, para facer o propio coas familias galegas que teñen curiosidade por coñecer aquelas vivencias de primeira man.
Os Contos do Camiño, que así se chama a obra, está realizada en Galiza e integramente en galego, da man de S.A. de Xestión do Plan do Xacobeo, dependente da Consellaría de Innovación e Industria, en colaboración con OQO Editora.
A serie vai dirixida ao público familiar e busca popularizar entre os máis cativos as diferentes rutas xacobeas como camiños de interculturalidade, xa que cómpre salientar que nestas vías converxeron contos de todo o mundo traídos polos viaxeiros e viaxeiras, que portaban co seu camiñar lingua, palabras e a cultura dos seus respectivos lugares de orixe. Isto serviu non só para enriquecer o patrimonio oral galego, senón tamén para espallalo, coas historias que se levaron con eles. A serie, que xa conta con 4 capítulos rematados, chegará ás 26 gravacións e pretende que os máis cativos coñezan os camiños de Santiago, pero non dun xeito documental, senón espertando a súa curiosidade a partir de historias vividas e contadas.
A serie encádrase no proxecto Contos do Camiño, que inclúe sesións de contacontos, plástica e audiovisual para nenas e nenos de Educación Infantil e Primaria en centros educativos das localidades polas que pasan as distintas rutas xacobeas e busca implicar no coñecemento do Camiño a toda a comunidade escolar, dende os nenos ao profesorado pasando por nais e pais; por iso o material literario, plástico e audiovisual pode incorporarse aos curriculos das escolas. Segundo explicou o conselleiro nacionalista, as actividades realizadas neste programa chegaron xa a 10.000 nenas e nenos de toda Galiza, estando previsto que nos vindeiros dous cursos poidan participar outros 10.000. Concretamente para 2009 estableceuse a presenza en cando menos 75 colexios do país e preténdese que a medio prazo se estenda a todos os concellos galegos.

PUBLICIDADE