Innovación e os GGUL selan un novo pacto a prol da informática aberta

venres, 19 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Unha parte importante das actividades de difusión e desenvolvemento de software libre que se levan a cabo na nosa terra xorde arestora dunha colaboración ben concreta: a da Consellería de Innovación (a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información) cos grupos de usuarios e deseñadores de Galiza. O pacto, que xa vén de lonxe e que entre outras cousas deu como resultado o reforzamento da plataforma mancomun.org (recoñecida polo seu labor a nivel europeo), vén de recibir hoxe en Santiago un novo pulo, tanto dende o punto de vista orzamentario como no técnico. O achegamento deste venres, que tivo feitura de sinatura oficial de convenio, consistiu en unir forzas unha vez máis para traballar na consolidación de Galiza como referente do código aberto en Europa e, tamén, para preparar o Día Internacional do Software Libre (este sábado 20 de setembro), do que mancomun.org é patrocinador oficial.
Polo que respecta aos orzamentos postos en xogo, dicir que os Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGUL) van dispoñer de 55.000 euros para a realización de actividades que contribúan ao reforzamento da produción e divulgación da programación aberta. A achega, que foi confirmada no transcurso do encontro celebrado no Hotel Porta do Camiño de Santiago, irá dar a mans das once asociacións de toda Galiza que subscribiron a acordo.
A contía final, achegada a través da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, tamén vai dirixida a que se manteña a liña actual de cooperación arredor do open source, espallándoa e, asemade, facéndoa máis fonda.

Xosé Lois Villasante, Helena Veiguela e Xesús Baleato estiveron presente na sinatura do convenio.

Por certo que na sinatura do convenio participaron Helena Veiguela (directora xeral de Promoción Industrial), Xesús Baleato (coordinador do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre), Xosé Lois Villasante (xerente da dita Fundación) e os representantes das 11 asociacións de usuarios e deseñadores de software libre que xa viñan colaborando de xeito estreito co dito departamento da Xunta. Estes foron os colectivos asinantes:
· Asociación de Usuarios de Linux da Universidade de Santiago de Compostela (AULUSC)
· Asociación de Usuarios GNIX (AGNIX).
· Asociación Grupo de Usuarios de Linux de Ourense (GULO).
· Asociación Universitaria Grupo de Programadores y Usuarios de Linux (GPUL).
· A Asociación Cultural Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPON).
· Asociación Grupo de Usuarios de Linux de Galicia (GLUG).
· O Grupo Asociado pola Libre Información e a Tecnoloxía (GALITE).
· Asociación Cultural Ourensana de Software Libre (OUSLI).
· Asociación de Usuarios de Linux “Inestable.org”.
· Asociación Informática Amigus.
· Asociación Cultural de Usuarios de Software Libre de Lugo (LUCUX).

Pasado e futuro dun pacto

Como dixemos, o documento asinado hoxe en Compostela é un novo capítulo dunha cooperación que non é nova e que se remonta a 2006, ano no que se subscribiu o primeiro acordo entre Mancomún e os grupos galegos de software libre. En virtude deste convenio, informa a Consellería de innovación, leváronse a cabo medio centenar de actividades e deixouse o camiño aberto á participación destas organizacións de informáticos en eventos de difusión celebrados en toda a nosa xeografía. Segundo se comentou hoxe no encontro de Santiago, as novas propostas collerán corpo nun plan de actuacións que será achegado por cada grupo nun prazo de sesenta días para logo ser estudado e aprobado polo Centro de Referencia e Servizos de Software Libre. Posteriormente, o plano será levado á práctica a través de novas actividades para 2008 ou do apoio a outras actualmente en activo.
Amais, establecerase o marco de cooperación co devandito Centro mediante a posta en marcha dunha comisión de seguimento das accións realizadas.

PUBLICIDADE