Innovación concede 2.806.180 euros en axudas para proxectos TIC

martes, 7 de novembro do 2006

A Consellería de Innovación vén de presentar na súa páxina web as conclusións para as axudas para investigación relacionadas cos sectores da Biodiversidade e a Sociedade da Información.
Polo que respecta ó segundo dos eidos, que é o que ocupa principalmente a Código Cero, cómpre sinalar que o departamento da Xunta concede 2.806.180 euros para o desenvolvemento de proxectos vencellados á Sociedade do Coñecemento. Polo que respecta ó programa Biodiversidade, a contía de subvencións será de 950.000 euros.
En total, estamos a falar de 3.756.180 euros para estas dúas ordes de axuda, incluídas nos Programas Sectoriais do Plan Galego de I+D.
Desta listaxe de Programas, o da Sociedade da Información ten o seguinte gran obxectivo, segundo apunta a Consellería: “Apoiar proxectos relacionados coa extensión da Sociedade da Información en Galiza, principalmente en tres áreas: relacións coa administración, calidade de vida e aplicacións a sectores económicos. Deste xeito, os proxectos subvencionados tratan temas como o desenvolvemento de sistemas de información e modelización urbana, a aplicación das TIC na atención ás persoas maiores ou con discapacidade ou desenvolvemento de ferramentas de teleformación, entre outros”.

PUBLICIDADE