Desmadre na TDT: inician emisións en dixital canles de botadoras de cartas incluso en horario protexido

martes, 6 de xullo do 2010 Redacción

A pasada semana empezaron a emitir nas rías baixas tres canles de botadoras de cartas nas portadoras da TDT que cobren as zonas de Vigo, Pontevedra e Arousa.
A pesar de que anunciouse no seu día que o paso de analóxico a dixital suporía a regularización definitiva das televisións, as chamadas emisoras piratas seguen emitindo con total impunidade, e incluso algunha concesión de TDT duplicou canle e emite este tipo de programas como segunda canle, tal e como acontece na demarcación do Deza.
Nas rías baixas emiten tres canles de botadoras de cartas en dixital, mentres que seguen a facelo en analóxico noutras demarcacións como é o caso de Santiago, onde emiten dúas.
Se xa é grave o feito de que emitan ilegalmente, a situación é máis escandalosa por facelo incluso en horarios protexidos (este tipo de contidos só poderían emitirse entre as 22:00 horas e as 7:00 horas segundo a nova Lei Xeral de Comuniación Audiovisual).
Mentres, os responsables de velar polo control do espectro radioeléctrico e polo cumprimento da Lei, parece que só teñen ollos para perseguir ás canles que xa emitían en analóxico con programación desde hai anos e que tiñan persoal ao seu cargo; se ben quedaron fora da concesión administrativa da televisión dixital o que abocou ao peche dalgunhas. Dúas varas de medir que poderían raiar con prevaricación xa que agora a emisión de televisión si está regularizada.
Pola súa banda as grandes canles estatais anuncian o lanzamento de novos programas na TDT ao quedar libre a franxa de emisión destinada ás canles analóxicas. Tal é o caso de Telecinco que anuncia para setembro unha nova canle dedicada á muller, Antena 3 para o último trimestre dedicada o home, e VeoTV, La Sexta e Vocento con concesión de cobertura estatal.

PUBLICIDADE