Inician as probas de Facebook News nos EE.UU.

venres, 25 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Facebook presentou hoxe para EE.UU. o servizo en probas Facebook News, unha sección de contidos dispoñibles a través da súa aplicación na que se amosan novas seleccionadas de medios de comunicación supostamente fiables, como un xeito de separar as novas rigorosas dos contidos falsos que se prodigan na cronoloxía de moitos usuarios sen criterio para distinguir as informacións veraces dos díxomes.
Facebook News presenta unha escolma de novas do día que non son elixidas por un algoritmo, senón por un equipo de xornalistas; a sección tamén achegará as novas dun xeito personalizado en función do que le, comparte e segue habitualmente o usuario, detectando así os seus intereses para amosarlle novas relevantes tan pronto acceda ao novo apartado; ofrece seccións con novas sobre negocios, lecer, saúde, deportes e ciencia e tecnoloxía; permite o acceso a información ligada a subscricións de pagamento; e tamén ofrece ao usuario o control sobre o que ve (de xeito que pode elixir agochar temas ou editores que non queira ver).
Pero esta funcionalidade que pretende en boa media limpar a imaxe de Facebook no que a desinformación se refire, tampouco está exenta de críticas, especialmente no que á selección de medios de comunicación se refire, xa que entre as fontes fiables figuran medios como Breitbart, considerado como de extrema dereita e un dos promotores da desinformación durante a campaña electoral que levou á presidencia a Trump (servindo de altofalante das falsidades que chegaban dende Rusia).
Polo momento Facebook News está dispoñible só en parte dos EE.UU. como un servizo en probas, e non hai previsión de que vaia chegar a Europa.

PUBLICIDADE