Iniciador Galicia refórzase coa celebración do seu segundo aniversario

luns, 9 de maio do 2011 Marcus Fernández

O segundo aniversario de Iniciador Galicia contou con máis dun cento de asistentes presenciais (e outros tantos a través da Internet)

O pasado venres EXPOCoruña acolleu o evento de celebración do segundo aniversario de Iniciador Galicia, serie de encontros de emprendedores tecnolóxicos que percorre a xeografía galega para dinamizar o sector TIC e a creación de iniciativas empresariais neste ámbito mediante relatorios abertos á participación e actividades de networking que facilitan a relación entre os galegos máis entusiastas na materia.
O encontro partiu dunha presentación por parte de 2 dos coordinadores, María Encinar e David Pombar, que realizaron un repaso desta iniciativa que en 2 anos deu lugar a máis de 25 eventos e relatorios. Nesta ocasión eran máis dun cento de asistentes presenciais, aos que se sumaban outros tantos a través da Internet, pois o evento retransmitíase en directo a través de streaming (estando dispoñible o vídeo para a súa reprodución en diferido).

Diego Mariño compartiu cos asistentes os seus coñecementos sobre o emprendemento tecnolóxico

Tras a introdución, chegou Diego Mariño a ilustrar aos presentes sobre a súa aventura na creación da plataforma de cloud computing Abiquo e ao seu novo proxecto, Ducksboard, que está a piques de abrir a súa beta, e que consiste nun panel de control en tempo real que serve para monitorizar métricas en liña e servizos web. A súa proposta innovadora estaba clara, pero tamén deu moitos consellos sobre o emprendemento empresarial, entre os que destacou especialmente o fuxir das subvencións, asegurando que as administracións públicas só fan perder o tempo nestes ámbitos e engadindo que nos EE.UU. non existen subvencións (o que non indica que o Goberno non apoie ás iniciativas privadas).

Miguel Silva adiantou que Blusens vai presentar en breve un televisor con Android

Tras a didáctica presentación de Mariño, chegou con moita enerxía Miguel Silva, un dos co fundadores de Blusens, quen quixo ilustrar o emprendemento a través dunha analoxía coa carreira espacial xa que «todos os emprendedores queremos mudar o mundo como os astronautas», o que serviu para repasar certos momentos chave da historia da súa compañía (incluíndo o lanzamento dun navegador GPS con imaxes reais, que pese a ser un fracaso comercial, contribuíu decisivamente a mellorar a súa imaxe de marca), dar algún consello e mesmo para adiantar que en cousa dun mes comercializarán un televisor que integrará o sistema operativo Android con aplicacións de interese (Disney, UEFA…). Tamén repartiu entre a audiencia 3 dispositivos web:tv.

A innovación en Galicia foi o tema da mesa redonda que pechou a parte máis formal do evento

Para pechar a parte máis formal do evento, David Pombar moderou unha mesa redonda na que Antonio Muíños, Antonio Rodríguez del Corral e Iago Soto discutiron sobre a innovación en Galicia. Entre os comentarios realizados polos polemistas destacou a crítica de Iago Soto á falta de foco por parte das empresas e o anuncio por parte de Antonio R. del Corral de que R estaba a preparar unha actualización dos seus routers que permitiría crear unha rede semellante á de FON.
Como vén a ser habitual neste tipo de encontros, tras a celebración dos relatorios e a mesa redonda, os asistentes puideron conversar de xeito relaxado, para fortalecer e crear relacións profesionais, compartir experiencias e mesmo promover outros encontros de semellante carácter como a LaconNetwork que este mes terá lugar en Carballo.

PUBLICIDADE