Infestation: Origins converte o rato Mickey nunha criatura terrorífica

martes, 2 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

O ano 2024 comeza cunha nova moi relevante no mundo dos dereitos de autor, xa que a curtametraxe Steamboat Willie na que nacía o célebre rato Mickey, pasa a ser de dominio público, detalle que están a aproveitar dende o estudio de videoxogos Nightmare Forge anunciando Infestation 88, un xogo cooperativo de supervivencia para até 4 xogadores que inspírase na curtametraxe animada de Disney para o deseño de criaturas terroríficas que aparecerán durante unha praga de roedores no ano 1988.
Infestation 88 está xa dispoñible en Steam para que os xogadores poidan engadilo á súa listaxe de desexos, estando previsto que chegue a PC ao longo do presente ano. Non parece ser o mellor xogo que vaiamos ver en 2024, pero convidar aos xogadores a converterse en exterminadores para rematar con criaturas que poden lembrarnos ao rato Mickey pode ser incentivo dabondo para dar unha oportunidade a un título que conseguiu intelixentemente ter moita publicidade de balde por ousar a macelar a imaxe dun dos personaxes máis recoñecibles do século XX.

ACTUALIZACIÓN: Ante acusacións de que o 88 do título do xogo era unha referencia nazi, os responsables do xogo mudaron o seu título a Infestation: Origins.

Tráiler do xogo

PUBLICIDADE