Ineo informa dende Santiago das vantaxes de certificar a innovación nas empresas

venres, 7 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

Neste mercado global tan axitado e concorrido xa non chega con enumerar os puntos fortes da empresa propia. Hai que certificalos. Disto, da necesidade de contar con avais que lles garantan ós demais a nosa excelencia é do que tratou en boa medida un almorzo de traballo celebrado este venres na sede da Confederación de Empresarios de Galicia en Santiago. O encontro, organizado por Ineo, serviu así para afondar nos porqués desa necesidade de implantar certificacións (de calidade, de medio ambiente, innovación ou responsabilidade social corporativa) antes de tentar poñer un pé no mercado global.
Na sesión participaron (entre outros) o director xeral de Ineo, Manuel Soliño e representantes de asesorías como Carmen Nogueira (Equantia), Javier Regueira (Lambda), Beatríz Bugarín (Isonova) e Javier Álvarez (Inovatech).
Para este último, os beneficios deste tipo de medidas (medidas que non estarán sempre ó alcance da man, sendo este que vivimos o intre xusto para financialas e acadalas) son claros: “Estas normas e certificados achegan un procedemento para innovar de xeito sistemático e continuado en distintos eidos como na xestión, a implicación dos recursos humanos, a transferencia do coñecemento, a mellor relación cos provedores, o enfoque ó cliente e, en resumo, na mellora continua da actividade”.
Para Javier Regueira, é preciso quitarlle ferro a este tipo de iniciativas, que ó seu xuízo son unha portas inmellorables para entrar a formar parte da elite: “É certo que estamos a falar de algo caro, pero é asumible. Hai que quitarlle o medo ós certificados. Moitas empresas teñen chegado a eles e nós tamén podemos. Estar normas axudan tamén a competir, xa que dentro duns anos cando pidamos subvencións terán que ser presentadas”, sinalou.

PUBLICIDADE