Ineo e EGANET colaborarán no Congreso de Mozos Empresarios que se celebra en Vigo no mes de outubro

martes, 14 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

O Centro Social de Caixanova en Vigo acollerá o vindeiro mes de outubro a terceira edición do Congreso de Mozos Empresarios da dita cidade galega, evento organizado por AJE Vigo e que, con cada ano que pasa, céntrase máis na innovación tecnolóxica aplicada a tódolos eidos de negocio, hoxe en día practicamente incomprensible sen a computación na nube (todo aquilo que os servizos en liña da Rede nos axudan a facer pola empresa dende calquera recanto do mundo). Esta vertente tecnolóxico-dixital do congreso, que se celebra do 20 ao 22 de outubro, apréciase no programa de actividades (onde se inclúen intervencións a cargo de firmas senlleiras do sector, como as galegas Blusens, Quobis ou Elogia Media, amais de sesións de networking) e tamén nos apoios recibidos polo propio evento, entre os que se contan os das asociacións galegas Ineo e EGANET, especialmente activas na promoción de novos xeitos de colaborar entre as empresas que representan, do sector TIC, e o resto do noso tecido produtivo.
Ámbalas entidades, informa AJE, están a informar polo miúdo entre os seus socios das vantaxes do congreso, tanto nas webs propias de seu (que inclúen ligazóns ao mesmo) coma na súa actividade cotiá.
O congreso, no que participarán empresarios de toda España e Portugal, amais de expertos en oportunidades de negocio, servirá en termos xenéricos para afondar nos diferentes métodos actuais para a procura do medre, o investimento, a promoción internacional e máis o aforro. Segundo fai saber Patricia García, presidenta de AJE Vigo, o lema do congreso é “emprendemos cada día”, sendo os eixes temáticos desta edición da xuntanza “aprender a emprender, as novas tecnoloxías da información aplicadas ao negocio e a busca de fórmulas de subcontratación”, entre outros.
As diferentes actividades dará comezo o día 20 de outubro, ás 16.00 horas do serán, cunha mesa redonda sobre xestión emprendedora, apoios e financiamento. Entre a completa listaxe de persoeiros das novas tendencias de negocio que participarán no encontro xa confirmaron a súa asistencia Joost Van Nispen (quen enumerará dez macrotendencias para triunfar no marketing de hoxe e mañá), Rubén Ferreiro (director de Elogia Media), José Manuel Villanueva (cofundador de Privalia), José Ramón García (presidente executivo de Blusens) ou Carlos Granados (director de Planetapluton.com).

PUBLICIDADE